‘Axenda 2021: 365 días pola igualdade’ de Viana

Onte tivo lugar a presentación e inicio do reparto da “AXENDA 2021: 365 DÍAS POLA IGUALDADE” realizada polo Concello de Viana do Bolo a través da Concellería de Servizo Sociais e Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM).

 

Trátase dun ambicioso proxecto que é o resultado de moitas horas de traballo e dedicación, co que o Concello de Viana do Bolo quere mostrar e demostra o seu compromiso por promover a igualdade real entre mulleres e homes durante todos os días do ano.

 

CONTIDO DA AXENDA

  • Ilustracións inéditas e orixinais, creadas expresamente para este fin e que se inclúen ao longo de toda a axenda e que ilustran datas destacadas de cada un dos meses.
  • Citas célebres de famosas autoras feministas e mulleres que marcaron a historia (Simone de Beavoir, Rosalía de Castro, Rosa Parks, Concepción Arenal, Angela Davis, Virginia Woolf, etc.)
  • Biografías de mulleres que marcaron a historia e destacaron en diferentes ámbitos coma as letras, a astronomía, a física, a bioloxía, a química: Isabel Zendal, Ángeles Alvariño, Rosalind Franklin, Jane Goodall, etc.
  • Datos estadísticos que reflicten a realidade das mulleres no noso país e a nivel mundial: en canto aos índices de violencia, discriminación laboral, salarial, etc.
  • Días internacionales e mundiales destacados e relacionados cos dereitos das mulleres, as persoas LGTBI e os dereitos humanos en xeral.
  • Referencias de interese sobre páxinas web, libros, documentais, películas e música feministas.

En definitiva, unha morea de información moi interesante e útil como que se pretende dar a coñecer e recoñecer a importante contribución das mulleres non só na actualidade senón ao longo da historia. Unha contribución demasiadas veces silenciada ou ocultada.

PROFESIONAIS IMPLICADAS NA SÚA REALIZACIÓN

  • “Paula Cheshire” na realización das ilustracións da axenda. Unha xove Ilustradora e Deseñadora gráfica pontevedresa que tal e como ela mesma nos di «nacín hai 27 anos cun lapis na man esquerda e sen poder parar de debuxar». Actualmente, Paula, traballa como deseñadora e como ilustradora freelance e, ademais sube as súas experiencias persoais en formato banda deseñada ás súas redes sociais.
  • Estela Barone no deseño da axenda. A vianesa Estela Barone, estudiante de Comunicación Audiovisual e artes escénicas, é a encargada do deseño interior da axenda. Tal e como ela mesma nos di, o seu é “estar detrás das cámaras e contar historias a través da fotografía e do vídeo”.
  • O persoal do CIM é o encargado de seleccionar, traducir e organizar os contidos da mesma.

REPARTO DAS AXENDAS

As axendas foron repartidas entre o profesorado dos centros de ensino de Viana do Bolo (CEIP, IES e Galiña Azul) e o  alumnado do IES. O obxectivo é que a rapazada de secundaria poida “traballar” de xeito diario a igualdade de xénero e reflexionar e debater sobre os contidos da axenda para enriquecer e mellorar o seu uso.

O reparto do resto de axendas á poboación en xeral realizarase mediante a participación activa das veciñas e veciños nunha actividade/ campaña na que mostren o seu compromiso  e os seus propósitos para o novo ano en prol da igualdade. A campaña, que terá lugar a través de Redes Sociais, sairá á luz o vindeiro luns 28 de decembro a través dos perfís en Facebook do Concello de Viana do Bolo e CIM Viana.

IMAXES