As deputacións de Ourense e Zamora crearán unha rede interprovincial de comunicación e experiencias de xestión

1 1 1 1 1 1 1 1 MB e Mara Teresa Martn

O As deputacións de Ourense e Zamora crearán unha rede interprovincial de comunicación e experiencias de xestión, “un instrumento co que se pretende poñer en común as grandes sinerxias existentes entre ámbalas dúas provincias co obxectivo de que poidan optimizar e racionalizar os recursos e establecer unha canle de colaboración permanente entre ámbalas dúas institucións nos ámbitos económico, do turismo, servizos aos concellos e medio ambiente, entre outros”. Así o explicou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen hoxe reuniuse no Pazo Provincial coa presidenta da Deputación de Zamora, María Teresa Martín Pozo, con quen asinou o compromiso de cooperación entre os dous gobernos provinciais, “dada a gran similitude existente entre ámbalas dúas provincias”, explicou o presidente provincial. Ao remate da xuntanza, a titular do goberno de Zamora foi convidada por Manuel Baltar a asinar no Libro de Honra da Deputación de Ourense.

A colaboración entre as dúas institucións provinciais ven a reforzar a idea expresada na “I Conferencia de Presidentes de Gobernos Provinciais”, celebrada en Ourense, na que se expresaba que a colaboración “servirá para achegar posturas e traballar de forma coordinada diante dun novo escenario de xestión local que se abre y que beneficiará aos pequenos concellos e aos seus cidadáns, con máis servizos e de maior calidade».

Manuel Baltar afirma que as deputacións “xogan un papel clave na transformación da provincia, máxime nun territorio coas características demográficas, administrativas, económicas e xeográficas de Ourense e Zamora”, e considera que as institucións “exercen o liderado provincial desde a intermunicipalidade, para converterse nun verdadeiro “concello de concellos” que articulen unha estratexia compartida que xere economías de escala e preste servizos de calidade a todos os cidadáns da provincia”.

Este movemento de transformación liderado polas deputacións parte da cooperación entre as entidades locais e continúa a través dunha colaboración constante e participativa con cidadáns, axentes sociais e tecido empresarial.

Pola súa banda, María Teresa Martín dixo con respecto a esta nova relación de colaboración que a Ourense e Zamora “úneas no só a chegada do AVE, senón tamén ámbitos culturais e turísticos e mesmo medioambientais, como a recente declaración da reserva da biosfera transfronteiriza”. “Hai moitas cuestións nas que hai que incidir –remarcou- e estou segura de que imos a colaborar; son partidaria de que cantas máis persoas participen nun proxecto máis posibilidades de éxito”.

Turismo

No que atinxe ao turismo as provincias de Ourense e Zamora teñen unha gran oportunidade para o futuro co AVE. A chegada da alta velocidade en Zamora será unha primeira oportunidade para ver o efecto positivo deste gran avance tecnolóxico no transporte, dados os grandes recursos turísticos que poden ser explotados. Ourense ten un dos seus principais recursos turísticos da «Ribeira Sacra», mentres que Zamora tenos na en Sanabria. Neste senso, Ourense e Zamora traballarán en conxunto para que os recursos turísticos podan ser compartidos e se leven a cabo accións turísticas combinadas.

A Vía da Prata é un importante elemento dinamizador do turismo compartido entre Ourense e Zamora, un recurso que ambas provincias deben, asemade, de explotar conxuntamente, así como o feito da proximidade que as dúas provincias teñen con Portugal, factor xeográfico que tamén levará a traballar en accións transfronteirizas conxuntas de interese común que potencien este aspecto.

Reforma administrativa

Na declaración asinada hoxe entre os presidentes das deputacións de Ourense e Zamora destaca tamén a necesidade de afondar na cooperación administrativa, co obxectivo de ofrecer mellores servizos a concellos e cidadáns.

A Deputación de Ourense está a desenvolver o proxecto «Provincia intelixente», que permitirá a posta a disposición de ferramentas tecnolóxicas a cidadáns e municipios para que a través da tecnoloxía se poidan racionalizar esforzos, trámites e servizos, convertendo á administración provincial nunha completa plataforma de servizos en favor dos concellos.

Neste senso, Zamora é semellante a Ourense en canto a que conta cun gran número de municipios de moi pouca poboación (menos do 10 % pasan dos 1.000 habitantes), o cal supón unha redución importante no nivel de ingresos e na capacidade de xestión. Proxectos como o de “Provincia Intelixente” afondan na Reforma da Administración Local que está abordando o Goberno e da que ambas deputacións son grandes defensoras, partindo sempre do máis absoluto respecto á autonomía municipal.

Economía e empresa

Manuel Baltar e María Teresa Martín coinciden en que un gran número de potencialidades comúns entre Ourense e Zamora poden converter a estas dúas provincias nunha zona de atracción e xeración de novos negocios tecnolóxicos. Deste xeito, as dúas institucións traballarán para aproveitar o horizonte 2020 de fondos europeos para captar proxectos e iniciativas empresariais que xeren un polo de actividade en I+D+i coa participación de actores nacionais e internacionais que atraian actividades empresariais.

Asemade, a declaración destaca o medio ambiente como ámbito estratéxico de desenvolvemento, e subliña a necesidade de explotar as singularidades de Ourense e Zamora parar xerar novos modelos produtivos baseados na innovación, que propicien a creación de emprego e sirva de “imaxe de marca” para exportar aos diferentes mercados.