Aprobadas as bases para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades para actividades físico-deportivas

  • A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aproba as bases para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades para actividades físico-deportivas

0 0 XG 120216

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de subvencións a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2016. Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 12 de febreiro.

Na reunión aprobaron a regulación da tramitación e concesión, por parte do ente provincial, de axudas a concellos e mancomunidades de municipios da provincia, mediante convocatoria pública, para o financiamento de actividades e programas deportivos para o exercicio 2016. En concreto optan as seguintes actividades: eventos deportivos realizados de maneira puntual ou programas deportivo-recreativos, planificados e desenvoltos de maneira regular durante un período de tempo, neste apartado inclúense programas de actividade físico-deportiva para adultos e persoas maiores e programas destinados á promoción ou divulgación dunha especialidade deportiva mediante a súa práctica.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades de municipios da provincia de Ourense. A contía máxima dispoñible para a concesión destas axudas de 60.000 euros. As axudas consistirán nunha porcentaxe do orzamento do programa ou actividade presentada, podendo acadar, como máximo, o 50% do custo total para os concellos de máis de 3.000 habitantes e mancomunidades e ata o 70% para os concellos de menos de 3.000 habitantes. Cada proxecto será valorado de maneira individual e ningunha entidade poderá obter, axudas por importe superior a 3.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente.

As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, contando a partir do día seguinte á publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.

Na mesma liña, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases reguladoras da convocatoria de concurso público para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos para realizar durante o exercicio 2016. Trátase de actividades físico-deporticas de carácter específico e puntual, que impliquen a práctica de disciplinas deportivas recoñecidas polas federacións deportivas ou actividades físicas semellantes, ben sexan con carácter competitivo ou non, tales como xornadas deportivas, campionatos, torneos, carreiras, andainas, rutas, etcétera.

Poderán ser beneficiarios destas axudas, entidades deportivas ou entidades sen ánimo de lucro con enderezo social na provincia de Ourense, que contemplen nos seus estatutos, como obxecto social, entre outros, a promoción e difusión do deporte na nosa provincia. A contía máxima dispoñible para estas axudas é de 70.000 euros.

A contía das axudas consistirá nunha porcentaxe do orzamento da actividade, podendo acadar como máximo o 50% do custo estimado da actividade, non podendo superar, a contía máxima de 10.000 euros por beneficiario.

En canto ao prazo para presentar as solicitudes ao ser unha convocatoria aberta hai dous períodos: un primeiro que vai dende a data de publicación das bases no BOP ata o 30 de marzo deste ano cun prazo de resolución ata o 30 de xuño de 2016 cun crédito asignado de 50.000 euros; e un segundo período que vai do 15 de xuño ao 31 de xullo deste ano, cun prazo de resolución ata o 15 de outubro de 2016 cun crédito asignado de 20.000 euros.

También te podría gustar...