Ampliación do parque empresarial verinés de Pazos tras as rebaixas no solo industrial

poligono-pazos-padron

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou onte a ampliación do parque empresarial de Pazos, no concello de Verín, onde destacou que as bonificacións que contempla a Axenda da Competitividade Industrial, con rebaixas de ata un 50% no solo industrial, están a acadar resultados satisfactorios. Así, na súa primeira fase, esta iniciativa permitiu adxudicar máis de 200.000 metros cadrados, o que supón que se ten adxudicado nun mes tanta superficie de solo industrial como nos dous últimos anos.

Nesta liña, Feijóo destacou que iso equivale a novos proxectos empresariais ao longo de todo o territorio, cos que se prevé acadar un investimento de 105 millóns de euros e a creación de 3.500 postos de traballo. Ademais, o mandatario galego engadiu que en abril o Goberno galego activará unha segunda fase que sacará a concurso arredor de 210 parcelas propiedade do IGVS, situadas en 17 parques empresariais de toda Galicia. Será, por tanto, unha superficie total que suma 470.000 m² e que contará con bonificacións de entre o 30% e o 50%.

No relativo ao polígono de Pazos, Feijóo recalcou que, coa súa ampliación, a Xunta está a ofrecer ao tecido empresarial ourensán unha oferta de solo industrial de calidade; pero, o que é máis importante, “estamos ofrecéndoo nas mellores condicións de adquisición: cun 50% de rebaixa sobre o prezo actual por tratarse dun polígono situado no ámbito do Plan Impulsa Ourense”, destacou.

Así mesmo, sinalou que a Xunta abriu para os emprendedores de toda a comarca unha maior maior extensión de terreo preparado para o seu uso industrial e comercial. Segundo apuntou, trátase dunhas obras de ampliación que eran imprescindibles para cubrir a demanda de solo industrial existente no concello, posto que o seu parque empresarial non dispoñía de ningún metro libre para a instalación de novas empresas. De feito, como puxo de manifesto o titular da Xunta, o 50% das novas parcelas xa teñen sido do interese dalgún emprendedor, o que constata a súa necesidade.

Así, se ata o de agora este polígono ocupaba un área de 132.000 m², grazas a esta actuación, na que a Xunta investiu 2,3 millóns de euros incrementa a súa superficie en máis de 70.500 m², é dicir, nun 53%. Isto significa, como explicou Feijóo, que se antes dispoñía de case 86.000 m² reservados para uso industrial, logo da ampliación, conta con 46.500 m² máis a disposición das empresas.

Como recalcou o presidente da Xunta, esta ampliación é o resultado dunha primeira fase de actuación. Agora, unha vez cuberta na súa totalidade, en función da demanda e das necesidades de solo industrial que puidese haber nesta zona, podería continuar cunha segunda fase, que permitiría dobrar a superficie global do parque e suporía un investimento próximo aos 8 millóns de euros.