(Ampliación) Conflicto do lixo en Lugo: O Concello de Lugo intervén o servizo de basuras

montana de basura en LugoJosé López Orozco, alcalde de Lugo, informou de que o Concello, á vista de que Urbaser e o seu cadro de persoal de traballadores non foron capaces de chegar a un acordo e de que a folga se prolonga desde hai máis dun mes, tomou a decisión de «intervir temporalmente» o servizo de limpeza e recollida do lixo na cidade.

López Orozco confirmou que o Goberno local xa avanzou esta decisión por teléfono á dirección da empresa concesionaria e agora faralla chegar por escrito, nun prazo de 48 horas, para que teña constancia de que «queda intervido o servizo de recollida do lixo por parte do Concello».

O rexedor local afirmou nunha conferencia de prensa que está «en condicións de garantir» que a «situación vai mellorar» a partir da próxima semana, «a poder ser» desde o mesmo luns, porque se vai facer cargo do servizo, polo menos de forma temporal, a empresa pública Tragsa, que incrementará o dispositivo desprazado a Lugo para cubrir as alertas sanitarias decretadas pola Xunta de Galicia.

Segundo López Orozco, a dirección dos «medios mecánicos» desprazados por parte de Tragsa ao municipio de Lugo recaerá sobre os «técnicos» do propio concello, mais será a empresa pública a que porá toda esa maquinaria para cumprir de forma escrupulosa «cos servizos mínimos» e para atender as «alertas sanitarias» decretadas pola Xunta de Galicia.

«Todo ten que estar en perfectas condicións, tal e como o esixe a Consellería de Sanidade» e «a salubridade» da propia cidade.

O alcalde precisou que esta decisión é resultado dun «novo escenario», que ficou aberto despois de ambas as partes desen onte por suspendidas as negociacións.

«Estamos ante un novo escenario», repetiu o alcalde. «Non vou sinalar ninguén co dedo», engadiu, mais «os lugueses continuamos sufrindo os efectos da folga con extraordinaria paciencia e un comportamento cívico», pero despois dun mes de paro, ambas as partes «non foron capaces de chegar a un acordo» e o Goberno local considera que chegou o momento de intervir.

Esa intervención do servizo realizarase, insistiu o rexedor, en «defensa dos intereses públicos» dos cidadáns de Lugo e «conforme á lei», e a empresa Tragsa «farase cargo do traballo que se está deixando de facer na cidade», mesmo a limpeza das rúas.

«Desde o primeiro día, non deixamos de traballar nun consciente silencio para que a folga tivese unha solución», engadiu, e «saben as dúas partes o esforzo que fixo este equipo de goberno para que chegasen a unha solución pactada» que, hoxe en día, non foi aínda posible.

Orozco lembrou que se trata dun conflito laboral entre unha empresa e os seus traballadores, mais os afectados pola folga son os cidadáns de Lugo, que ademais son os «que pagan» pola prestación dese servizo básico.

Ante esa situación, concluíu, o Concello de Lugo ten «a obriga de defender os intereses públicos».

EFE.