• O obradoiro de emprego Alta Limia IV formará a 20 persoas desempregadas de Sarreaus, Trasmiras, Sandiás e Vilar de Barrio
  • A secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, visitou aos participantes nesta iniciativa que terá unha duración de seis meses
  • Este programa mixto de formación e emprego impartirá dúas especialidades: xardinería e albanelería

 

image_gallery (4)

 

A secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, visitou esta mañá aos participantes no obradoiro Alta Limia IV, que terá unha duración de seis meses e no que se formará a 20 persoas desempregadas dos municipios de Sarreaus, Trasmiras, Sandiás e Vilar de Barrio.

Silvia Dorado, acompañada do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Tomás Paz Doniz, asistiu ao inicio do desenvolvemento deste programa mixto de formación e emprego nas especialidades de xardinería e albanelería. Na visita tamén estiveron presentes os alcaldes que promoven esta iniciativa.

A secretaria territorial da Xunta en Ourense destacou que esta cuarta edición de Alta Limia ten “un obxectivo claro: dar formación a persoas desempregadas para que logren reinsertarse laboralmente”. Tamén salientou a “colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para que os obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”. Da formación dos 20 participantes encargaranse un equipo de docentes e administrativos formado por cinco persoas.

image_gallery (2)

 

Principais actuacións
Durante os seis meses de duración do obradoiro, logo da súa etapa inicial de formación, os alumnos e alumnas porán en práctica os coñecementos adquiridos. Así, as principais actuacións que levarán a cabo será o mantemento, conservación e renovación do peche perimetral da pista polideportiva de Lodoselo, reparación do tanque de abastecemento de auga de Paradiña, actuacións no entorno do muíño e da piscina e restauración medioambiental de distintas zonas axardinadas, no concello de Sarreaus; o acondicionamento do local da antiga escola de Vilaseca e obras de xardinería en Viladerrei, Escornabois, Abavides, Chamusiños, Rabal, Vilaseca, Pardieiros, Lobaces, Zos, Vilardelebres, Soutelo, nas piscinas municipais e no entorno da Casa Consistorial, no concello de Trasmiras; o acondicionamento exterior da antiga casa do médico e interior da antiga casa do mestre, e o acondicionamento da área recreativa existente diante das piscinas municipais, en Vilar de Barrio; e a obra de mellora na rampa de acceso, así como actuacións no contorno do centro social de Cerredelo, no concello de Sandiás.

Ao longo deste mes de setembro poranse en marcha 20 obradoiros de emprego na provincia de Ourense que beneficiarán a preto de 400 persoas en situación de desemprego dun total de 75 concellos, xa que a maioría se organizan de forma conxunta entre varias localidades ou a través de mancomunidades.