image_gallery

 
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella remarcou hoxe que un dos obxetivos que se marca o Goberno galego é o de incentivar o emprendemento orientado á muller rural, por ser un elemento estratéxico para o crecemento económico e un desenvolvemento pleno e duradeiro do medio rural.

López Abella, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez clausurou hoxe as Xornadas de Desenvolvemento Rural que tiveron lugar no Balneario de Laias durante o dia de hoxe, onde incidiu que mellorar a situación das mulleres rurais significa entender o seu valor, fomentar a súa visualización e empoderamento, apostar pola súa capacidade para emprender e facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Así destacou que é fundamental a procura de nichos de mercado aínda inexplorados, e que a incorporación ao traballo da muller rural se realice a partir dunha crecente dinamización e diversificación da economía rural e do seu emprego, nun proceso que encontra os seus mellores actores posibles en mulleres que, cada vez máis preparadas e mellor motivadas, están dispostas a desenvolver fontes de riqueza complementarias ás que a economía rural achega por tradición e natureza. Polo tanto, dende o goberno galego estase a apoiar as mulleres a que innoven, cren ideas e produtos competitivos, xa que é imprescindible o apoio ao emprendemento femenino no rural.

Segundo destacou a Secretaria Xeral é imprescindible un cambio cultural no rural para por en valor o papel da muller, e condición necesaria para un crecemento no rural intelixente, sostible e incluínte é a Igualdade entre mulleres e homes, polo que é fundamentatal combater a dobre discriminación que sofren as mulleres que viven e traballan no medio rural, frear o éxodo feminino das zonas rurais ás urbanas, contribuíndo así a evitar o despoboamento, a masculinización e o envellecemento da poboación rural, impulsar a incorporación das mulleres ao mercado laboral, garantindo a súa participación no desenvolvemento económico dos núcleos rurais.

Finalmente Susana López Abella incidiu que por moitas medidas que se poñan en marcha para facilitar a conciliación, se homes e mulleres non comparten as responsabilidades familiares, continuarase sobrecargando de traballo as mulleres rurais provocando así as dobres e triplas xornadas, polo que resulta imprescindible a incorporación dos homes nos traballos domésticos e de coidado para que as mulleres rurais que deciden participar no mercado laboral poidan facelo en igualdade de condicións.