A Xunta mobiliza 13 máquinas quitaneve e dispón de 18 depósitos de sal e salmoira para manter a vialidade invernal nos 1.000 quilómetros de viais da súa titularidade en Ourense

xunta de galiciaA Xunta de Galicia ten en marcha o operativo do Plan de Vialidade Invernal na provincia de Ourense, que ata finais de abril permitirá garantir a circulación en condicións axeitadas na rede de estradas de titularidade autonómica na provincia de Ourense.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inviste preto medio millón de euros neste operativo especial de inverno para o mantemento das condicións de circulación nas estradas ourensás de titularidade autonómica, incluíndo tamén neste investimento o custe previsto para o subministro de sal, tomando como referencia datos dos últimos anos.

O departamento autonómico de estradas mantén no presente ano o mesmo nivel de dotación de medios mecánicos e físicos que no exercicio anterior. Así, un total de 13 máquinas quitaneves, están xa preparadas para actuar nas estradas autonómicas da provincia.

As máquinas dispoñen dos correspondentes sistemas de empuxe para a neve (en forma de cuña e folla) e de esparexedores de fundentes. Tres destas máquinas están dotadas de esparexedores de salmoira, un fundente líquido constituído por unha solución salina que ofrece mellores resultados para actuar na prevención da formación de placas de xeo, sendo tamén máis respectuoso co medio ambiente.

A Xunta de Galicia conta con 18 depósitos dos distintos produtos empregados para manter a vialidade na rede de estradas: 16 acopios ou silos de sal e dúas plantas de salmoira, distribuídos estratexicamente pola xeografía da provincia. Con este reparto, preténdese gañar en operatividade, chegando canto antes aos puntos que presenten algunha dificultade para o tráfico, pero tamén procurar a eficiente distribución do material.

A meirande parte dos silos teñen capacidade para albergar 60 toneladas de sal, aínda que algúns poden acoller ata 100 toneladas, superando en conxunto a reserva de fundentes as 2.000 toneladas nesta provincia.
O plan de vialidade invernal, no que interveñen 100 persoas na provincia de Ourense alcanza á totalidade da rede viaria da Xunta, isto é, algo mais de 1.000 quilómetros. Dúas empresas cobren este servizo nas estradas obxecto de concesións e outra encárgase o contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal.

O obxectivo do Plan de Vialidade Invernal é reforzar a seguridade viaria das estradas fronte ás inclemencias climatolóxicas propias do inverno, ofrecendo unha resposta inmediata e eficaz mediante a extensión de fundentes, aínda que a estrada se atope aparentemente libre de xeo ou neve para previr a súa formación, así coma para a súa retirada cando chegue a acumularse.