250px-AG-53_por_ListancoA Xunta de Galicia, a través da Sociedade Pública de Investimentos, licita hoxe través da plataforma de contratos públicos de Galicia, o contrato destinado a manter a vialidade invernal e a acometer as tarefas necesarias de conservación ordinaria da autoestrada AG-53, entre o Alto de Santo Domingo e a A-52, e da autovía AG-54, de enlace coa localidade de Carballiño. O Goberno Autonómico investirá neste contrato 6,7 millóns de euros cun prazo de 46 meses, case catro anos.

A rede viaria de alta capacidade e de titularidade autonómica a conservar mediante este contrato conta cunha lonxitude total de 36 quilómetros. Ademais, estarán incluídos todos os camiños de servizo e cruces de camiños e estradas coa AG-53 e AG-54 cuxas variantes foron executadas conxuntamente coas obras de construción destas vías, así como os enlaces coa N-525 en Piñor, a OU-504 en Cea, a propia AG-54 en Maside e a A-52 e OU-402 en Toén.

As tarefas de conservación e explotación de estradas teñen por obxecto o mantemento do patrimonio viario en condicións adecuadas, de xeito que permita unha circulación o máis segura, cómoda e fluída posible.

Para conseguir estes obxectivos, a Administración Autonómica debe levar a cabo actuacións que perseguen facilitar ou facer posible a circulación en condicións de seguridade e fluidez (actividades de vialidade), e actividades destinadas a retrasar a degradación ou a corrixir impactos puntuais (actuacións de conservación ordinaria).

Principais datos do contrato que se licita
Os traballos a realizar, extensibles a toda a lonxitude da autoestrada e vías de enlaces e conexións dos tramos considerados, resúmense nos seguintes puntos:
• Explotación e mantemento do centro de conservación e explotación, incluída a sala de control do tráfico.
• Axuda á vialidade, con atención de accidentes,incidencias e vialidade invernal.
• Actividades de conservación ordinaria e extraordinaria.
• Realización dos ensaios relativos á auscultación de marcas viarias e firmes, e da inspección das estruturas, de obrigada realización con carácter anual
• Policía de marxes.

O adxudicatario do contrato deberá poñer os medios suficientes para a realización dos traballos de conservación e vialidade invernal. Como medios humanos mínimos, deberán dedicarse en exclusiva dous técnicos en conservación e explotación de estradas, un encargado xeral, 12 operarios, un coordinador de seguridade e saúde, un técnico de mantemento e un técnico electricista. E como medios materiais, permanentemente deberán estar a disposición do contrato catro vehículos lixeiros, un camión sobre o que montar a cuchilla quitaneves e o esparexedor de salmoira; unha pala mixta e varios utensilios como desbrozadoras, motoserras, compresor, etc. Ademais, deberá dispoñer de medios auxiliares temporais adicionais para atender situacións excepcionais, e reforzar o equipamento para a vialidade invernal con dous camións adicionais.

Contratos en licitación para a conservación da rede autonómica de estradas
Ao concurso que hoxe se licita súmase aos sete contratos para a conservación e vialidade invernal da rede autonómica de estradas que foron licitados a finais do ano 2014 por un importe de máis de 116 millóns de euros para un período de catro anos. A rede viaria de titularidade autonómica a conservar neses sete contratos conta cunha lonxitude total de 5.337,67 quilómetros.

Ao igual que no caso do contrato relativo ás vías AG-53 e AG-54, as tarefas de conservación e explotación de estradas teñen por obxecto o mantemento do patrimonio viario en condicións adecuadas, de xeito que permita unha circulación o máis segura, cómoda e fluída posible. Para conseguir estes obxectivos, as administracións titulares das estradas levan a cabo, entre outras, unha serie de actuacións que perseguen facilitar ou facer posible a circulación en condicións de seguridade e fluidez (actividades de vialidade), e actividades destinadas a retrasar a degradación ou a corrixir impactos puntuais (actuacións de conservación ordinaria).