A Xunta leva investido preto de 185.000 euros no CIM da Mancomunidade do Riberio nos últimos 5 anos

CIM O Ribeiro

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade do Ribeiro onde o goberno galego leva investidos preto de 185.000 euros nos últimos 5 anos, para o seu mantemento e coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e a promoción da igualdade.

Rogelio Martínez mantivo unha xuntanza co presidente desta mancomunidade e alcalde de Leiro, Francisco Fernández, e co persoal do CIM para coñecer de preto os programas desenvoltos neste centro así como os servizos e informacións máis demandados.  O CIM do Ribeiro conta con 5 traballadores, entre a directora e o persoal destinado ao asesoramento psicolóxico e xurídico e á dinamización sociocultural. O ano pasado atenderon a 112 persoas -96 mulleres e 16 homes- e 298 consultas.

Xestión compartida

Desde a pasada lexislatura, o Goberno galego está apostando pola suma de esforzos entre administracións, na procura dunha xestión máis eficiente dos recursos e un beneficio maior para a cidadanía, xa que se evitan duplicidades e solapamentos innecesarios.

O delegado territorial explicou que con este obxectivo, o que a Xunta prima nas súas axudas e subvencións a aqueles concellos que aposten pola prestación conxunta de servizos, como é o caso do CIM da Mancomunidade do Ribeiro, que desde a data da súa creación, en 2005, decidiu presentarse ás axudas a entidades locais de Igualdade agrupando aos concellos que integran esta entidade supramunicipal: Leiro, Cenlle, Beade, Cortegada e Arnoia. A súa área de influencia é maior e os seus servizos beneficia a todos os concellos da comarca.

En 2014 a esta Mancomunidade correspondeulle preto de 45.000 euros para o mantemento do CIM. Ademais, recibiu máis de 5.200 euros para programas de sensibilización e prevención da violencia de xénero no marco das subvencións recibidas na Orde de Entidades Locais 2014.

O CIM do Ribeiro organizou durante o ano pasado un ciclo de cine coa proxección de películas relacionadas coa violencia de xénero e a igualdade, distintas charlas sobre un amplo abano de temas e máis dunha ducia de obradoiros.

Para o goberno galego é prioritario acadar unha igualdade real entre homes e mulleres e erradicar a lacra da violencia de xénero. Por iso, este compromiso quedou refrendado un ano máis con liñas de axuda específicas tanto para os CIM coma para os concellos co fin de que desenvolvan programas de prevención da violencia de xénero e a prol da igualdade, e co incremento no orzamento do ano 2015 en máis dun 17 por cento para as axudas de Igualdade a mulleres que sofren violencia de xénero.

As axudas dos CIMs teñen por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

También te podría gustar...