A Xunta leva ás escolas galegas “Protexendo o Camiño” un programa para difundir os valores xacobeos

image_gallery

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, participaron onte na actividade escolar Protexendo o Camiño, no Centro de Ensino de Infantil e Primaria Santo André de Xeve, en Pontevedra.

Trátase dunha das accións programadas dentro dun amplo abano de actividades de difusión do Camiño de Santiago para escolares que se está a desenvolver nas escolas e centros culturais de 40 municipios galegos percorridos polos diferentes itinerarios da Ruta Xacobea.

A través das aventuras dun neno e unha nena, Iago e Peregrina, debuxante e fotógrafa, que realizan o Camiño de Santiago tentando protexer as rutas dos riscos que poden sufrir os nenos, reflexionan, dun xeito lúdico, sobre a responsabilidade de toda a comunidade coma protectores do Camiño. Así mesmo, identifican os riscos existentes e propoñen posibles solucións a estes problemas.

Durante cada acción, os nenos escoitan contos, debuxan e fan diversas actividades e postas en común para entre todos e todas artellar unha rede protectora e cultural do Camiño de Santiago. Deste xeito, os cativos dos centros de ensino, bibliotecas e centros culturais, coñecen, dun xeito divertido, o Camiño de Santiago e valoran o seu poder cultural, económico, patrimonial e social.

Durante a visita, Nava Castro salientou o traballo de Turismo de Galicia a prol da revitalización, conservación e dinamización do Camiño de Santiago. “Apostamos polo desenvolvemento sustentable da ruta para que non perda esa esencia que encandea ano tras ano numerosos peregrinos e que supón o outorgamento de numerosas distincións e galardóns ao longo da historia”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

Neste senso, Nava Castro salientou que é fundamental concienciar a sociedade e educar aos veciños dos pobos por onde transcorre o Camiño de Santiago desde que son cativos. “O obxectivo é promover os valores do Camiño e o fenómeno da peregrinación entre os máis pequenos destes municipios por onde transcorre a Ruta Xacobea”, explicou a responsable de Turismo.

Así, Nava Castro anunciou que Turismo de Galicia facilitará aos docentes dos centros educativos actividades didácticas para que poidan continuar traballando os valores de respecto e a posta en valor do Camiño coma fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resaltou que este programa forma parte dun conxunto de novas estratexias, transversais a distintos departamentos da Xunta, a prol do acceso á cultura e o respecto á diversidade cultural.

Mirando polo Camiño
Así mesmo, Román Rodríguez anunciou que, nesta estela de poñer en valor o Camiño entre os máis novos, no vindeiro curso 2015-2016, se porá en marcha un novo programa educativo dentro do Plan Proxecta, Mirando polo Camiño.

Segundo explicou, dito programa achegará aos centros públicos emprazados nos distintos tramos dos Camiños de Santiago unha proposta de traballo que permitirá avanzar no coñecemento, a divulgación, e a protección do patrimonio cultural vinculado a esta ruta de peregrinación universal no seu contexto territorial concreto.