A Xunta e o ICO asinan un acordo para facilitar préstamos a empresas, emprendedores e exportadores galegos por máis de 50 millóns de euros

image_gallery (1)A Xunta e o ICO asinaron o venres dous novos convenios cos que reforzarán a alianza entre ambas administracións: o primeiro deles servirá para impulsar o financiamento a empresas, emprendedores e exportadores galegos, cun pacto que prevé facilitarlles o acceso a máis de 50 millóns de euros en préstamos, mentres que o segundo fará do Igape un Axente Colaborador do ICO, o que permitirá impulsar a difusión das liñas de crédito da entidade estatal na comunidade. O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a presidenta do Instituto de Crédito Oficial, Irene Garrido, refrendaron dous convenios que dan continuidade a unha alianza que xa permitiu durante varios anos ampliar as fontes de financiamento ao servizo dos investimentos empresariais en Galicia.

«Temos a vontade de reforzar sobre todo os instrumentos para financiar os novos investimentos que as empresas deben impulsar para afianzar a súa competitividade, no ámbito da Industria 4.0, e ampliar o seu potencial de internacionalización», dixo Conde, que subliñou o compromiso do Goberno galego cunha “alianza consolidada”.

Pola súa banda, a Presidenta do ICO, Irene Garrido, destacou a importancia da firma dos acordos subscritos. «Coa firma dos dous convenios de colaboración, por un lado, o IGAPE constitúese en Axente Colaborador do ICO, o que vai significar un paso importante na mellora da difusión das Liñas ICO: isto traducirase na organización de xornadas informativas e cursos de formación para o asesoramento nas características das liñas e os produtos de ICO. Por outro, vaise mellorar o custo de financiamento dos investimentos e necesidades de liquidez das empresas galegas, o que sen dúbida redundará nunha mellora da súa produtividade».

Así mesmo, Irene Garrido engadiu que «os acordos que acabamos de asinar poñen de manifesto un compromiso común. Dende o ICO, contando co apoio e colaboración como o que tradicionalmente tivemos co IGAPE, continuaremos traballando de xeito firme para mellorar o acceso e as condicións de financiamento das empresas e autónomos galegos».
Os dous convenios permitirán ofrecer aos interesados en acceder ás liñas de préstamo do ICO unha fiestra de información en Galicia a través do Igape, que bonificará os xuros dos préstamos concedidos en Galicia pola entidade estatal. Neste senso, o Igape, en colaboración coas entidades financeiras e ás Sociedades de Garantía Recíproca Galegas, bonificará os xuros destes préstamos mediante as liñas de apoio do propio instituto galego ás microempresas (para os préstamos inferiores a 25.000 euros) e ás pemes (para os créditos superiores a 25.000 euros e inferiores aos 100.000).

Estes apoios, xa incluídos no convenio entre a Consellería e o ICO asinado en 2014, permitiron ao Igape rebaixar o ano pasado o custo financeiro de máis de 600 préstamos do ICO a pemes, microempresas e autónomos galegos, facilitando o acceso a préstamos en condicións preferentes por importe de máis de 50 millóns.

A iniciativa se enmarca no Programa Galicia 1.000, co que a Xunta está a impulsar o financiamento das empresas galegas. O Programa busca financiar máis de 1.100 novas iniciativas empresariais que xerarán investimentos de 300 millóns de euros, a través de ferramentas como os fondos de capital risco ou os préstamos Jeremie.