A Xunta e Concello de Ourense avanzan na tramitación da nova escola infantil que terá 82 prazas públicas de 0-3 anos

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Amancio Ortega (FAO) porán a disposición das familias de Ourense 82 novas prazas de 0-3 anos no curso escolar 2016-2017. Así o anunciou hoxe a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, na visita institucional que desenvolveu ao Concello de Ourense, onde mantivo unha xuntanza co alcalde, Jesús Vázquez.

Mato e Vázquez abordaron a futura construción da nova escola da Fundación Amancio Ortega (FAO) para acelerar a súa posta en marcha. Así, nos próximos días terá lugar unha reunión entre técnicos do Concello, a FAO e a Consellería para axilizar a construción desta infraestrutura, xa que o Concello xa conta cunha parcela que proximamente cederá á FAO para a súa construción e despois será asumida pola Axencia de Servizos Sociais que investirá para o seu mantemento máis de 400.000 euros anuais.

O novo centro, segundo resaltou Mato, converterase na sexta escola da cidade e elevará a 540 as prazas públicas en escolas infantís. Isto significa un 29,5 por cento máis das que había en 2009, un total de 123 prazas máis. No mantemento destas prazas, a Consellería está a investir ao redor de 2 millóns de euros ao ano. Así mesmo, a titular de Benestar lembrou que á cidade de Ourense correspóndelle 58 prazas a través da orde de axudas que xa saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que regula a adxudicación de novas prazas de escolas infantís financiadas con fondos da Xunta a través do sistema do concerto.

Na xuntanza, Mato e Vázquez abordaron tamén outros temas relacionados coa mellora social e laboral dos veciños e veciñas de Ourense.

No eido social, ademais, Mato anunciou que a Consellería de Traballo e Benestar incrementará en preto do 50 por cento ata finais deste ano o número de horas que se ofrecen a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que na actualidade suman máis de 8.000. Neste senso, a titular de Benestar lembrou que a prioridade da Xunta é atender ás persoas dependentes e, sempre que se poida, preto do entorno onde viven, é dicir, acercar os servizos ás persoas con dependencia. Mato indicou que esta actuación permitirá garantir esgotar, ao menos, a lista de agarda das persoas que teñen maior grado de dependencia.

Obradoiro de emprego
En materia de emprego, Mato avanzou que no mes de setembro porase en marcha un novo obradoiro na cidade, “Ribeira termal” que contará con 23 alumnos e alumnas e un investimento de máis de 200.000 euros por parte da Consellería.

O programa centrarase nas especialidades de xardinería, albanelería e carpintería e vai posibilitar a rehabilitación e acondicionamento da marxe da ribeira do río Miño. En 2013-2014 realizouse un programa mixto de formación e emprego en Ourense que contou con 24 beneficiarios e un financiamento de 215.000 euros.

Mato sinalou que a Xunta realizou “un gran esforzo” este ano para blindar esta orde de axudas que se publica anualmente. Así, en 2015 por primeira vez levouse a cabo unha convocatoria de axudas específica para menores de 25 anos, incluída no Programa de Garantía Xuvenil. En total, a Consellería de Traballo e Benestar investirá 15 millóns de euros na posta en marcha de máis de 77 obradoiros nos que participarán 2.000 alumnos.

Así mesmo, avanzou que o Concello contará tamén en setembro cun plan integrado de emprego no que se formarán 70 persoas. Nesta iniciativa, a Consellería de Traballo investirá máis de 134.000 euros. A intención é que 32 persoas poidan incorporarse ao mercado laboral, unha vez rematen a súa formación.

También te podría gustar...