A Xunta destina máis de 110.000 euros para a mellora de infraestruturas e equipamentos de catro concellos ourensáns
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou catro convenios de colaboración cun importe de máis de 110.000 euros para a mellora de infraestruturas e equipamentos dos concellos de Coles, Paderne de Allariz, Porqueira e Xunqueira de Ambía, na provincia de Ourense.
No caso do concello de Coles, segundo explicou o vicepresidente, a subvención ascende a preto de 25.000 euros que será destinados á mellora de camiño no lugar de San Lourenzo-Outeiro (Ribela), eliminando con este proxecto as carencias nestas infraestruturas de uso público; e no caso o concello de Paderne de Allariz, o orzamento de 30.000 euros destinarase á reforma de instalación do alumeado exterior co fin de que o concello conte coas instalacións municipais necesarias e se preste así un mellor servizo aos veciños.
Concretamente, nos concellos de Xunqueira de Ambía e Porqueira, as subvencións ascenden a 31.256 euros e 24.000 euros, respectivamente, e serán destinados, no caso de Xunqueira de Ambía, á impermebilización da piscina municipal, co fin de obter unha óptima impermeabilización da piscina e subsanar as perdas de auga e o desgaste da instalación. E no concello de Porqueira, a subvención será integramente para mellorar as infraestruturas do centro social en Sabucedo, centro social e lugar de reunión dos veciños da parroquia.
Fondos Feader
A Xunta ten entre unha das súas prioridades mellorar as condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais, mellorando as dotacións existentes de infraestruturas básicas e levando a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e a mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural. Polo que, dende o goberno galego apóianse aquelas actuacións cuxa finalidade sexa a creación e/ou mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais básicos, coma é o caso do concello de Soutomaior.
Así, o pasado mes de decembro foi presentada esta nova convocatoria de axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015. A contía máxima destas subvencións é de dous millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, que fixa como obxectivo a mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais.
As actuacións susceptibles de ser beneficiadas responderán a proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén serán subvencionables a instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais, que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello.