A Xunta destina 120.000 euros á atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou o investimento por parte da Xunta de 120.000 euros na atención psicolóxica ás mulleres que sofren violencia de xénero. Fíxoo durante a súa participación esta tarde na charla de atención psicolóxica organizada pola Asociación “Si, hai saída”.
Ademais a secretaria xeral, recordou que a Vicepresidencia da Xunta e o Colexio Oficial de Psicoloxía veñen de asinar un ano máis, un convenio de colaboración que permitirá seguir desenvolvendo o Programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e para as e os menores e outras persoas dependentes, así como o Programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, “abramos o círculo”.
No tocante ao Programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e para as e os menores e outras persoas dependentes, sinalou que a súa finalidade e ofertarlle a estas persoas recursos terapéuticos que lles faciliten a súa recuperación. Así mesmo destacou, que desde que se iniciou no ano 2014 foron atendidas 355 persoas (mulleres, menores e persoas dependentes) e participaron na intervención 124 profesionais da psicoloxía. Neste sentido, manifestou que desde o ano 2009, 2.684 persoas puideron beneficiarse do programa de atención psicolóxica ás vítimas de violencia de xénero.
No caso do Programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, “abramos o círculo”, Susana López subliñou, que dito programa ten por obxectivo ofertar recursos terapéuticos que abran vías de recuperación a homes que recoñezan ter problemas de control da violencia no ámbito familiar. Do programa, que se iniciou no ano 2001, beneficiáronse este pasado ano 93 homes, que recibiron atención por parte de 76 profesionais da psicoloxía.
O orzamento deste ano para ambos programas que supera os 154.000 euros, comprende ademais a realización de actividades formativas, a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala e a cobertura en caso de morte por violencia de xénero con carácter de urxencia e en días non laborables, así como a colaboración co CRI (Centro de Recuperación Integral.