xunta-de-galicia-300x135A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou onte o XI curso de verán ‘Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0.’, que este ano centrouse nos tipos de violencia, a coeducación -ou educación para a igualdade entre homes e mulleres- e os axentes de socialización.

Durante a súa intervención, López Abella destacou que nos últimos anos tense observado un aumento das condutas discriminatorias e dos estereotipos sexistas entre mozos e mozas dos centros educativos que inflúen no desenvolvemento da súa identidade e en cómo se manifesta a violencia escolar, o que orixina un aumento dos conflitos entre rapaces e rapazas.

Neste sentido, apelou ao papel da educación -dende unha perspectiva integral – para previr todo tipo de situacións de violencia, e en particular a de xénero. Para inverter esta tendencia a coeducación “é unha das ferramentas máis útiles e potentes para poder acabar coa desigualdade, e a escola constitúe unha plataforma excelente para a superación dos prexuízos sexistas e para acadar un cambio en profundidade das estruturas e das prácticas sociais non desexables”.

Precisamente por este motivo, a Secretaría Xeral da Igualdade organizou recentemente unhas xornadas no marco do XVI Foro Galego de Educación para a Igualdade dirixidas a profesorado de educación primaria e secundaria en colaboración co Seminario Permanente de Emocionalidade, Xénero e Desenvolvemento Humano da USC.

Nestas xornadas, que levaban por título “A escola que constrúe emocións”, traballáronse temas como a abordaxe desde a educación emocional da violencia de xénero na adolescencia e realizáronse obradoiros en pequenos grupos onde o profesorado traballou con temas tan importantes hoxe en día como os afectos e emocións nas aulas, a coeducación emocional, a masculinidade desde a perspectiva de xénero ou mesmo o teatro como ferramenta de coeducación emocional, entre outros.

O seu obxectivo foi procurar a reflexión, entre o profesorado galego, sobre a transmisión de estereotipos de xénero no ámbito educativo, fundamental para previr situacións de violencia e conflitos relacionados co xénero, así como favorecer a toma de conciencia do profesorado asistente como axentes nesta situación discriminatoria e presentar investigacións e proxectos que sirvan de guía para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Medios de comunicación e novas tecnoloxías
Susana López Abella tamén fixo fincapé na importancia dos medios de comunicación, e as novas tecnoloxías como axentes de socialización e o perigo da transmisión a través destes de estereotipos, entre eles os de xénero entre a mocidade. Para afondar neste último asunto, os departamentos de Igualdade e Xuventude da Xunta puxeron en marcha o ano pasado a campaña pioneira en Galicia contra o sexting, “10 razóns para non practicar sexting”, coa que se pretende incidir na importancia do control das novas tecnoloxías.

“Cuestionar moito do que aprendemos é o primeiro paso para non perpetuar determinados roles que non nos benefician, e, sobre todo, para vivir con liberdade e responsabilidade e poder contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria”, concluíu a secretaria xeral da Igualdade.

Ademais da titular de Igualdade, na inauguración tamén participaron o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Mª Dolores Álvarez, o presidente da Fegamp, Jose Manuel Rey Varela, o secretario xeral da AGASP, Ramón Quiroga, e o director da Unión Provincial CSIF Compostela, Eduardo Rejo.