A Xunta colaborará no financiamento das obras de mellora da Praza de Abastos Nº1 de Ourense

Convenio Praza Abastos

A Xunta colaborará no financiamento das obras de mellora da Praza de Abastos Nº1 de Ourense o que suporá un impulso comercial importante para este mercado.

A Consellería de Economía e Industria asinará co concello un convenio de colaboración e achegará preto dun 60 por cento do investimento, cifrado en 100.000 euros.

O delegado territorial, Rogelio Martínez, subliñou a aposta da Xunta pola modernización dos mercados municipais dentro da estratexia de impulso ao sector comercial como un motor fundamental na creación de emprego e riqueza e salientou que as melloras previstas na praza de abastos nº1 de Ourense será o punto de arranque para un novo impulso a este mercado. Martínez participou hoxe na presentación das obras que se executarán antes de rematar este ano neste recinto comercial, ao abeiro dun convenio de colaboración que asinarán a Xunta e o concello de Ourense.

As actuacións previstas consistirán no cambio de solado e na instalación dun ascensor e supoñen un investimento de case 100.000 euros. Segundo o convenio, a Xunta financiará 56,4 por cento das obras e o concello asumirá o resto do financiamento.

No acto de presentación das obras tamén participou o alcalde ourensán, Agustín Fernández, e o presidente da Asociación de comerciantes da praza de abastos nº1, Emilio González.

O apoio a este proxecto forma parte da estratexia específica de impulso ao sector comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, a través da cal se levan destinado nos últimos anos preto de 80.000 euros a  asociación de comerciantes da praza de abastos nº 1 da cidade das Burgas.

O delegado territorial subliñou un dos eixos da estratexia de Economía e Industria para impulsar a mellora competitiva do comercio galego é a potenciación das prazas de abastos e lembrou as axudas destinadas a este fin, avanzando así no obxectivo de consolidar os mercados municipais como líderes na venda de produto fresco e de calidade. Así, este verán este departamento autonómico concedeu axudas por un importe de 400.000 euros para colaborar con 9 concellos da provincia ourensá neste obxectivo.

“É preciso acondicionar estes espazos ás necesidades actuais, tanto dos comerciantes como dos consumidores, co fin de que melloren a súa atracción comercial” afirmou Rogelio Martínez. Ademais, destacou que o sector comercial “é un motor fundamental na creación de emprego e riqueza”.

Convenio Praza abastos (1)

También te podría gustar...