alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Vicepresidencia da Xunta, en colaboración coa ONG Farmamundi, asistirá a unhas 2.000 persoas afectadas polo terremoto que azotou Nepal o pasado mes de abril. A actuación concentrarase nos distritos de Sindhuli e Sindhupalchok, onde se rexistraron máis de 2.800 mortos e preto de 900 feridos de gravidade.

O pasado 25 de abril un gran terremoto de 7,8 grados na Escala Richter sacudiu Nepal causando 8.832 mortos e 22.309 feridos. Dende entón se teñen producido fortes réplicas no meses de maio e xuño e as necesidades de axuda humanitaria seguen sendo moitas.

Nepal é un país de fortes debilidades estruturais que se teñen agravado despois da catástrofe. Mais da metade dos seus 28 millóns de habitantes non teñen aceso a saneamento e vive por debaixo da liña de pobreza, o que debilita a capacidade das persoas para facer fronte a o desastre e prepararse para a reconstrución.

O coordinador humanitario da ONU en Nepal, Jamie McGoldrick, pediu á comunidade internacional que non se esqueza de Nepal. Tralo traballo inicial de rescate e axuda aos damnificados, neste momento estase na fase de reconstrución, polo que é moi necesario seguir destinando fondos para a recuperación e o futuro desenvolvemento do país. Estímase que aínda hai 2,8 millóns de persoas afectadas en Nepal.

Tendas de campaña, comida e auga potable
A Xunta, en colaboración con Farmamundi, achegará unha contía de 10.000 euros cos que se repartirán tendas de campaña, comida e auga potable e se realizarán traslados médicos aos distintos hospitais da zona. Agárdase que esta intervención beneficie a 300 familias dos distritos de Sindhuli e Sindhupalchok durante os meses de agosto e setembro.

Esta actuación súmase a outras que ambas entidades realizan conxuntamente dende o ano 2009, no marco dun convenio de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais ou humanas.

No que vai de ano o convenio tense activado en tres ocasións. A primeira para dar resposta ás necesidades básicas en saúde da poboación refuxiada urbana de somalís e sur sudaneses en Nairobi, Kenya. A segunda para atender as necesidades básicas de alimento e abrigo da poboación atrapada no campo de Al Yarmouk, en Siria. A última foi o pasado mes de xuño e estivo dirixida á poboación burundesa desprazada á República Democrática do Congo.

O pasado mes de maio, a Vicepresidencia da Xunta xa asinou un convenio de colaboración coa vertente galega da Fundación Unicef polo que se achegaron preto de 26.000 euros para atender as necesidades básicas en auga e saneamento da poboación afectada polo sismo.