A Xunta achega 450.000 euros a 15 proxectos de educación para o desenvolvemento e para a consolidación das ONGDs galegas

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Xunta vén de publicar a resolución da convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de ONGD galegas, pola que se destinan 450.000 euros para o financiamento de 15 proxectos.

O obxectivo das subvencións é, por unha parte, o financiamento de actuacións de educación para o desenvolvemento, e por outra, mellorar a capacidade de planificación, xestión e avaliación nas áreas internas e da xestión da base social da organización en Galicia. En total, foron 35 as solicitudes presentadas, 23 solicitantes para proxectos de educación para o desenvolvemento e 12 para proxectos de consolidación e fortalecemento das ONGD.

Seguindo está orde de axudas, destinaranse 325.000 euros para o financiamento de dez proxectos de educación para o desenvolvemento e 125.000 euros para cinco proxectos de consolidación e fortalecemento de ONGD. Entre as organizacións beneficiarias destacan, por exemplo, Médicos do Mundo, Implicad@s no Desenvolvemento, Fundación Entreculturas e Arquitectos Sen Fronteiras.

Os proxectos presentados foron avaliados tendo en conta os criterios que establecía a convocatoria, valorando o proxecto en si mesmo e a entidade solicitante. Para superar a fase de valoración e poder acceder á subvención era necesario acadar unha puntuación mínima do 50 por cento do total en cada un dos epígrafes.

As convocatorias enmárcanse no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. A través del, a Xunta de Galicia ofrece unha ferramenta útil e realista que permite a Galicia realizar unha contribución eficaz e ordenada aos procesos de desenvolvemento dos países socios mediante un proceso participativo e de diálogo.