«A voz da pedra sefardí», concerto de 2naFronteira en Monforte

  • Dentro das actividades arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía
  • A actuación, que leva por título “A voz da pedra sefardí», celebrarase o vindeiro xoves 16 de setembro ás 20:15 h no Edificio Multiusos de Monforte
  • A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. As entradas repartiranse dende as 19:15 h e a entrada ó salón de actos realizarase ás 19:50 h
  • Todas as actividades serán gratuítas, e nas que sexa necesario, adoptaranse as medidas sanitarias e de seguridade ante o Coronavirus vixentes nese momento

 

O Concello de Monforte continúa este mes de setembro coas actividades arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía-Diálogos, logo de que a partir de este sábado a cidade saía do nivel máximo de restricións por mor da Covid-19.

Deste xeito, o vindeiro xoves 16 de setembro ás 20:15 h no Edificio Multiusos, terá lugar a segunda das actividades programadas polo Concello dentro desta xornada arredor da cultura xudía, en concreto, o concerto do grupo 2naFronteira co seu espectáculo «A voz da pedra sefardí«. Este concerto está programado tamén dentro do 9º ciclo de Cultura no Camiño do Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.

A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. As entradas repartiranse dende as 19:15 h e a entrada ó salón de actos realizarase ás 19:50 h.

 2naFronteira, «A voz da pedra sefardí«

As antigas e nostálxicas cancións sefardíes, que tanto camiño levan andado por oriente e occidente, fan agora unha nova viaxe da man de 2naFronteira, que fan delas unha interpretación chea de sensibilidade e elegancia.

Será un concerto variado, con cancións de amor, de berce, de voda…

A voz de Carmen Penim estará arroupada por Maurizio Polsinelli no piano e o harmonio, Miguel Paz na percusión e Carmen Gallego na nickelharpa e o violín.

2naFronteira leva máis dunha década interpretando este concerto «Cantos sefardíes de amor e vida» en festivais de cultura xudea, festas históricas e nas xuderías, como Ribadavia, Tui, Valença do Minho e en Italia. Chega agora a Monforte esta oportunidade de disfrutar cunhas melodías evocadoras e exóticas e ao mesmo tempo, familiares.