A vicepresidencia da Xunta destinou 40.000 euros á mellora do alumeado público do concello de Beade

image_galleryO director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, visitou onte Beade para coñecer de primeira man as actuacións de mellora do alumeado público feitas no concello ao abeiro dunhas axudas da Vicepresidencia.

Pazos Couñago, que estivo acompañado do alcalde de Beade, Senén Pousa, explicou que este concello ourensán recibiu 40.000 euros a través dunha orde de subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015.

Os traballos consistiron fundamentalmente na substitución do cableado aéreo do  interior do núcleo de Beade por outro máis novo, o que permitiu aumentar a calidade do servizo prestado e subsanar as anteriores deficiencias de funcionamento. Ademais, esta medida producirá un aforro nas arcas municipais, ao reducir os continuos custes de reparación.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Este programa, ao igual que a Xunta, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas. 

As actuacións subvencionables baixo esta orde eran proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público -como en Beade- e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello

Ampliación da casa consistorial de Oímbra

Doutra banda, o director xeral de Administración Local aproveitou a súa visita a Ourense para asinar un convenio coa alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, para a ampliación da Casa Consistorial. A sinatura foi na Delegación Territorial da Xunta en Ourense e contou coa presenza do seu delegado, Rogelio Martínez.

Trinta anos despois da construción do actual edificio do Concello, a Xunta de Galicia faille unha achega de 50.000 euros cos que se poderán ampliar, entre outros espazos, os destinados á atención ao público e ao Arquivo Municipal, actualmente colapsado. O Concello, pola súa banda, aporta uns terreos da súa propiedade, o que permitirá adecuar as instalacións ás súas necesidades actuais.