A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, homenaxeada na gala dos premios ‘Gallegos del Año’

Manuel Baltar, na súa intervención na gala Gallegos del Año

 

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense foi un dos homenaxeados polo Grupo Correo Gallego na gala dos premios “Gallegos del Año” que se celebrou onte no Pazo de Congresos de Galicia, en Santiago de Compostela. O presidente da institución provincial, Manuel Baltar, foi o encargado de recoller o galardón co que se distingue á Real Banda e no seu discurso destacou a traxectoria internacional da Real Banda de Gaitas á que definiu como “auténtica embaixadora de Ourense e símbolo da Ourensanía”, afirmando da gaita que é “o instrumento nacional de Galicia”. Baltar dixo que Ourense “é cultura”, e subliñou que a Real “complétase coa Escola Provincial de Gaitas, pola que pasaron milleiros de mozas e mozos, ao que hai que sumar o Museo da Cornamusa e o Anuario da Gaita, única publicación no mundo que aborda dende o punto de vista científico todo o que se refire ao ámbito da gaita”.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, dirixida por Xosé Lois Foxo, ten actuado nos principais escenarios do mundo, “é a nosa gran embaixadora: Ourense é cultura, Galicia é cultura, e a Real Banda pregóaa por todo o mundo”, lembrando ademais as actuacións desta agrupación en lugares como a Gran Muralla China, a Quinta Avenida de Nova York, Yakarta, Berlín, Exipto, Puerto Rico e Xapón, entre outros moitos lugares. De Xosé Lois Foxo, Baltar dixo que o fundador e director da Real Banda “foi e é un grande mestre de milleiros de alumnos”.

A gala dos premios “Gallegos del Año” congregou a máis de dúas mil persoas no Pazo de Congresos de Santiago, que celebraron xunto co Grupo Correo Gallego as vodas de prata desta exitosa iniciativa.