A produción editorial, escénica e audiovisual galega promóvese do 3 ao 6 de setembro no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA)

La Xunta promueve el turismo de naturaleza gallego en la feria INTUR de ValladolidA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a presenza da produción editorial, escénica e audiovisual galega no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA), que desenvolve a súa terceira edición a partir de mañá día 3 e ata o 6 de setembro no Centro Cultural Kirchner de Bos Aires.

A delegación galega está integrada por representantes de sete empresas dos sectores do cine (Ficción Producciones e Setembro Cine), escena (Borja Fernández e Títeres Cachirulo), libro (Editorial Galaxia), videoxogos (Factoría de Software e MultimediaI) e produción e xestión cultural (Rómulo Sanjurjo Chao), ademais de polo director da Agadic, Jacobo Sutil.

Proxectos como Mar Maior, que Galaxia está a abordar para divulgar a cultura galega nos ámbitos lingüísticos castelán e brasileiro; o espectáculo ‘Barbazul’, os títulos de teatro documental ‘Fantasma’ e ‘Benito Fermández Project’, a orquestra de improvisación ‘Colectivo Metamovida’, ou os filmes ‘Meñique’ e ‘Schimbare’, da produtora Ficción, son algúns do contidos concretos galegos en MICA 2015.

A cita servirá tamén para a identificación por parte galega de novas empresas homólogas arxentinas e latinoamericanas coas que colaborar en presentes e futuros proxectos, así como para afondar nos acordos de produción e distribución de creacións xa en marcha.

Convite arxentino e subvención galega
Todas as compañías recibiron o convite do Goberno arxentino para participar neste mercado e darlle así continuidade á relación comercial e artística mantida durante os últimos anos en anteriores edicións e extensións deste evento, como foron o MICSUR, desenvolvido en Mar del Plata en maio de 2014, ou de MICAtlántica, levado a cabo en Santiago de Compostela en novembro de 2013. Ademais, estas empresas resultaron beneficiarias dunha convocatoria específica de subvencións da Agadic para contribuír á cobertura dos seus gastos de asistencia ao encontro.

A Consellería de Cultura e Educación continúa, deste xeito, a impulsar a distribución e comercialización dos nosos produtos culturais, favorecendo a presenza de entidades galegas neste cita, considerada estratéxica para a proxección exterior das industrias do sector.

Seis eixos culturais
O MICA organízase arredor dun programa de exhibición e intercambio comercial estruturado en seis eixos: artes escénicas, audiovisual, deseño, editorial, música e videoxogos. Abrangue unha extensa programación que inclúe espectáculos en vivo, conferencias, ciclos de charlas e obradoiros e exposicións sectoriais. Este ano, o recinto feiral ocupa 2.600 m2 e nel inaugurarase a ‘Tienda MICA’, na que produtores de toda Arxentina poden vender as súas creacións, así como un novo espazo dedicado á infancia e postos de asesoramento institucional para emprendedores.

A interacción diaria entre os asistentes xérase principalmente a través das denominadas rondas de negocios, reunións concertadas de 15 minutos de duración que establecen o contacto simple e eficaz entre produtores, xestores e empresarios. Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Cultura de la Nación arxentina, o MICA duplicará as cifras de asistencia da súa anterior entrega, celebrada en 2013, de xeito que acollerá arredor de 4.500 participantes, entre os que haberá 200 convidados internacionais de 26 países. A organización estima que se formalizarán unhas 30.000 rondas de negocio, xa solicitadas a través da plataforma virtual do mercado.