A Plataforma de Valdeorras de emigrantes retornados estará hoxe en Santiago manifestándose tras saír fai unha hora da nosa comarca

Saída colectivo emigrantes retornados de Valdeorras

Ás 7:30h. saía do Barco un autobús que levará, logo de parar na Rúa, trinta e cinco emigrantes retornados da Plataforma de Valdeorras á manifestación convocada  en Compostela pola Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados para reivindicar os seus dereitos e que se faga xustiza con eles.

A manifestación sairá ás 11h. da Alameda de Compostela  e dirixirase ao Parlamento de Galicia onde se concentrarán e lle entregarán unha carta coas súas peticións ao Presidente da Xunta.

Saída colectivo emigrantes retornados de Valdeorras 2

O comunicado que queren facilitarlle ás autoridades:

Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados

A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados fai un chamamento a tod@s @s emigrantes galegos retornad@s para participar masivamente na manifestación, que se vai celebrar en Santiago de Compostela, o vindeiro martes, día 28 de outubro a partir das 11h da mañá, con saída da Alameda e remate diante do Parlamento de Galiza, onde nos concentraremos, para entregar un Documento, coas nosas reivindicacións ao Presidente da Xunta, a entrega de sinaturas, recollidas por todas as Plataformas que conformamos a Coordinadora Nacional Galega de emigrantes retornad@s, e para rematar, lerase un manifesto.

Son máis de 250.000 os emigrantes galeg@s retornados con pensións de Países Estranxeiros, que continuamos a recibir da Axencia Tributaria Española, a comunicación con carácter retroactivo, que nos obriga a ter que facer a declaración de cinco anos: 2008/2013, e a multas e xuros.

Con esta manifestación os emigrantes retornados queren solicitar que no paquete de modificacións legais se inclúan as modificacións na Lei 35/2006, necesarias para garantir un trato igualitario. Concretamente, o artigo 96 en relación co 17, de tal forma que se estableza a obriga de declarar a partir de 22.000€/ano de ingresos, e que para os restantes se estableza un réxime de retencións idéntico ao do resto das e dos pensionistas do Estado Español.

Os emigrantes retornados reclaman para eles un trato xusto e igualitario, asemade coa entrega de sinaturas, solicitan do Goberno do Estado Español:

  • A modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados. Para que se cumpra co principio de igualdade, modificando a Lei 35/2006, para que as súas pensións sexan iguais que a do resto dos galegos.
  • Non ao carácter Retroactivo.
  • Recoñecemento de oficio das pensións de Invalidez, recoñecidas, nos países de procedencia.
  • Que a Axencia Tributaria inicie unha campaña de información á cidadanía e persoal a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras.
  • Revisión dos convenios marco con outros Países, para evitar que situacións deste tipo, poidan volverse a producir.
  • Devolución por Oficio de todo o pagado e os seus intereses.
  • A anulación de todos os expedientes. Borrón de todo. Volta a empezar a partires de 2014 e trato igualitario e xusto entre xubilad@s. Fóra lei “dous pagadores”.
  • Desculpas e devolución da honra aos Emigrantes Retornados.

A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados chama a asistir a concentración do martes 28 a tódalas afectadas e afectados, por esta inxusta decisión, xa que nin a propia Axencia Tributaria lle meteu a pensión aos emigrantes retornados na declaración do IRPF, por poñer un exemplo. É ademáis de inmoral a imposición de sancións a un colectivo perceptor das pensións máis baixas despois de traballar toda unha vida no estranxeiro.

A Coordinadora Nacional, demanda o apoio das veciñas e veciños de todalas comarcas do País aos emigrantes retornados xubilados que perciben pensións de países estranxeiros, afectad@s pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria, e anímaos a acudir a Santiago de Compostela.

También te podría gustar...