A páxina web do 061 de Galicia permitirá atender a persoas xordas a través do sistema de videointerpretación da lingua de signos

image_galleryA Central de Coordinación da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acolleu onte pola mañá, a presentación do Programa de Atención a Persoas Xordas do 061 de Galicia. Ao acto, que incluíu a simulación da chamada dunha persoa con discapacidade auditiva ao 061, asistiron o director xeral de Asistencia Sanitaria, Ramón Ares Rico, o director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, e por parte da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, a vicepresidenta, Dna. M.ª Carmen González Lloves, e o director xerente, Enrique Santos Chas.

A partir de mañá, as máis de 9.800 persoas con discapacidade auditiva rexistradas na Comunidade Autónoma galega poderán acceder ao 061 mediante o servizo de videointerpretación da Xunta de Galicia (BILDTEC), que estará dispoñible a través dos correspondentes enlaces nas páxinas web de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

O BILDTEC é un servizo de interpretación simultánea para a comunicación en lingua de signos en oficinas e sitios web de institucións públicas e empresas con servizos de atención ao público, e está xestionado pola Xunta de Galicia, a través da liña telefónica 012, que canaliza todas as consultas de información xeral que a cidadanía dirixe á Administración galega.