image_galleryA fortaleza de Monterrei acolle hoxe unha nova xornada do programa ‘Vive o Castelo’, un conxunto de actividades lúdico-culturais promovidas por Turismo de Galicia que están a dinamizar a contorna do castelo e a ampliar a oferta turística deste territorio.

Na segunda xornada de ‘Vive o Castelo’ a fortaleza acollerá a celebración da ‘Gala de Circo no Castelo’, que terá lugar a partir das 20:30 horas, na que participarán tres compañías de circo e unha banda de música en vivo.

Un espectáculo de 100 minutos de duración para todos os públicos co mellor do noso novo circo.

Luís Iglesia será o condutor desta gala na que participarán o ‘Mago Teto’, o ‘Circo Chosco’, o grupo de galopíns musicais ‘A Magnifique Bande dos Homes sen Medo’ e a compañía ‘Os sete magníficos máis un’.

Un espectáculo único no que se combina a participación do público, a variedade de técnicas artísticas, as espectaculares acrobacias, o encanto da música en directo e toda a maxia e ilusión do circo.

Ademais, a segunda xornada de ‘Vive o Castelo’ inclúe tamén dúas visitas guiadas teatralizadas, que darán comezo ás 20:00 horas e as 22:30 horas, nas que a cidadanía poderá visitar tanto o conxunto histórico como os espazos exteriores deste ben de interese cultural e público.

Vive o Castelo
O programa ‘Vive o Castelo’ é posible grazas ao proxecto de rehabilitación levado a cabo no conxunto arquitectónico co obxectivo prioritario de revitalizar o mesmo para usos culturais e turísticos.

Trátase dunha programación cultural e lúdica que componse de numerosas actividades para que toda a familia poida gozar desta acrópole, con variedade de propostas culturais que engloban dende o aspecto máis cultural, co coñecemento do propio castelo, ata o máis festivo con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, circo e contacontos, entre outras.

Servizo de guías
Por outra banda, Turismo de Galicia prestará o servizo de guías turísticas e atención ao público no Castelo de Monterrei todos os días da semana.

Deste xeito, todo aquel veciño ou turista que lle interese realizar unha visita guiada á fortaleza poderá facelo calquera día.

O horario das visitas no verán será de mércores a domingo de 13:30 a 17:00 horas e os luns e martes de 10:30 a 20:00 horas e a duración das mesmas de 50 minutos.