A Escola de Turismo Itinerante contribuirá á mellora da capacitación e da imaxe do destino Galicia

image_gallery (1)

 

Turismo de Galicia presentou onte á tarde aos responsables do sector turístico da zona Arousa Norte a Escola de Turismo Itinerante (ETI), unha iniciativa que nace co obxectivo facilitar o acceso á formación a empresas do sector na nosa comunidade, contribuíndo desta maneira á mellora da capacitación e da imaxe do destino Galicia.

O acto, que tivo lugar no Centro Social de Boiro, contou coa participación do director de Competitividade de Turismo de Galicia, Jose Luis Maestro, o alcalde do concello, Juan José Dieste, e a xerente de Arousa Norte, Irene Maneiro.

Esta presentación conforma unha das sete sesión informativas que Turismo de Galicia ten programadas realizar nos xeodestinos da Costa da Morte, Muros-Noia, Mariña Lucense, Ribeira Sacra, e Arousa Norte e na ruta do viño de Monterrei e Valdeorras.

Durante a sesión, presentouse aos responsables dos establecementos de restauración da zona a Escola de Turismo Itinerante e o seu Plan de Formación para este 2015 dando a coñecer os diferentes cursos que se convocarán dende esta innovadora escola para este ano. Así mesmo, realizouse unha presentación sobre os obxectivos, beneficios e aspectos nos que incide o Manual de Boas Prácticas elaborado por Turismo de Galicia.

Por outra banda, o director de Competitividade de Turismo de Galicia destacou a aposta que está desenvolvendo Turismo de Galicia pola formación no sector turístico e hostaleiro resaltando a súa importancia para a consolidación dun sector competitivo.

Neste senso, José Luis Maestro afirmou que a Escola de Formación Itinerante impulsa unha formación que pon en relevo os atributos diferenciais da marca Galicia. «Grazas a estas iniciativas o sector turístico de Galicia dispoñerá de actividades de formación continua que fomentarán a competitividade do mesmo», explicou.

O director de Competitividade de Turismo de Galicia concluíu afirmando que Galicia debe apostar por un tecido empresarial formado por empresas e profesionais turísticos competitivas e que para elo é fundamental realizar labores de formación e asesoramento.