A directora de Inclusión informa ás entidades de iniciativa social de Ourense da convocatoria de axudas de Benestar, que medran nun 40%

image_gallery (1)

 

As entidades de iniciativa social da provincia de Ourense tiveron onte a oportunidade de coñecer de primeira man as novidades que inclúe a convocatoria de este ano das axudas convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar para elas nun encontro coa directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez. O principal factor é o incremento orzamentario, que medra, por terceiro ano consecutivo, ata os 5,2 millóns, o que supón un crecemento do 40% con respecto a 2014.

Amparo González indicoulles que este ano vólvese garantir que todos os comedores, albergues e centros de acollida recibirán subvención, sempre que conten con autorización oficial da Xunta. De feito, do total do orzamento desta orde, reservaranse dous millóns de euros para este fin, un 35 por cento máis que na convocatoria de 2014 (1,5 millóns de euros).

Ademais, a directora avanzou que esta convocatoria, parcialmente cofinanciada polo FSE, é, por primeira vez, plurianual, “co obxectivo de dar resposta precisamente ás demandas das propias entidades”. “Así, facilítaselles un prazo maior para executar as súas actuacións, polo que poden mellorar cualitativamente e afondar en actividades que precisan dun recorrido amplo, como poden ser os itinerarios de inclusión sociolaboral, por exemplo”, apuntou a directora. Deste xeito, o período subvencionable estenderase desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 31 de marzo de 2016.

Estas novas medidas únense ás xa incorporadas o pasado ano, como incluír a posibilidade de que as entidades poidan pedir anticipos da subvención para o desenvolvemento das súas actividades de inclusión ou o feito de unir tres liñas de axuda nunha soa convocatoria. En concreto, as antigas ordes de albergues e comedores, programas de inclusión das entidades de iniciativa social, e programas para as persoas inmigrantes. Esta unificación permite unha maior axilidade na tramitación dos expedientes.

Actuacións subvencionables
Estas axudas apoiarán a execución de distintas actuacións. En primeiro lugar, aquelas accións dirixidas á cobertura de necesidades básicas, a través de subvencións aos centros de inclusión e emerxencia social (albergues, centros de acollida, comedores sociais…).

Ademais, tamén se investirá, nun 80% con fondos da Unión Europea a través do FSE, en proxectos de carácter innovador ou complementarios aos servizos sociais comunitarios básicos (programas de convivencia alternativa, de fomento da cooperación…); e na atención para a inclusión social e acceso ao mercado laboral das persoas en risco de exclusión social (itinerarios de inclusión sociolaboral, apoio á conciliación…) ou para a poboación inmigrante (mellora das competencias, formación lingüística…).

Doutra banda, préstase atención ao compoñente territorial das dinámicas de exclusión, subvencionando actuacións en territorios que padezan exclusión territorial severa por causa da dispersión, perda de poboación e/ou dificultades de comunicación.

Por último, cabe destacar que, dentro das accións subvencionables, darase especial relevancia aos procesos vinculados á inclusión social activa, en consonancia co que se recolle na Estratexia para a Inclusión de Galicia 2014-2020, que conta con máis de 300 medidas e un orzamento global de 521 millóns de euros.