A Deputación trae a Ourense a rodaxe da película Toro, dirixida por Kike Maíllo
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o set onde se están a rodar escenas da próxima película de Kike Maíllo, Toro, protagonizada polos actores galegos Mario Casas e Luis Tosar e o madrileño José Sacristán. As xestións do presidente do goberno provincial fixeron posible que novamente a provincia de Ourense sexa escenario dun gran proxecto audiovisual, neste caso a gravación de diferentes escenas do que está a ser o thriller de acción español máis agardado, Toro, dirixido por Kike Maíllo, Goya ao Mellor Director Novel en 2012, e producido pola produtora galega Zircozine.
Manuel Baltar asistiu esta mañá nun céntrico piso da capital ourensá á rodaxe do filme e compartiu uns momentos con Luis Tosar, Kike Maíllo, co produtor Farruco Castromán e co equipo técnico deste proxecto cinematográfico composto polos mellores profesionais de Galicia a quen lles agradeceu que escollesen Ourense como un dos escenarios da película cuxo rodaxe prevé rematarse o día 27 de Marzo.
Xunto a Tosar, Casas e Sacristán tamén integra o reparto a actriz Ingrid García Jonsson, nominada aos Goya 2015. O filme ródase en Ourense e outras localizacións de Galicia e Andalucía . Trátase dun thriller de acción que transcurre durante 48 frenéticas horas. Con guion de Fernando Navarro e Rafael Cobos (La isla mínima), Toro conta a historia de dous irmáns que se reencontran logo de cinco anos e que se ven inmersos nunha serie de sucesos provocados por vella feridas sen cicatrizar.
Xunto a Zircozine, a película está producida por Atresmedia Cine, Apaches (Lo imposible), Escándalo Films, Maestranza Films e Ran Entertainment, e tamén colaboran CANAL+, TVG e Xunta de Galicia, a distribución estará a cargo de UNIVERSAL PICTURES e Film Factory levara as vendas internacionais