A Deputación de Ourense colaborará na posta en marcha do «Museo do Viño de Galicia»

  • O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitaron hoxe o edificio que albergará o museo, a antiga reitoral de Santo André, en Ribadavia.

1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 MB e Museo Vio2

A Deputación de Ourense colaborará coa Xunta para poñer en marcha o «Museo do Viño de Galicia», que estará ubicado na antiga reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia. Así o confirmou hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou o edificio que albergará o museo. Baltar explicou que nas vindeiras semanas a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia estudarán as posibles fórmulas de xestión do que será o único museo das súas características en Galicia. «A Deputación de Ourense está totalmente receptiva a establecer liñas de cooperación para que as instalacións se poidan explotar convenientemente, tanto no que atinxe a temas de infraestruturas, equipamentos, persoal ou no ámbito de promoción turística», afirmou Manuel Baltar.

O edificio, situado na antiga reitoral de Santo André, a tres kilómetros de Ribadavia, é unha construción que data do século XVIII e que albergou o priorato e a granxa vinícola máis importante que o mosteiro de San Martiño Pinario tivo en Galicia. A construción, de grandes proporcións e feita en sillería, conta no seu interior con grandes lagares e adegas.

Baltar destacou a importancia de que unha infraestrutura tan importante e que se refire a un sector estratéxico da economía ourensá como e o viño se sitúe na nosa provincia, e engadiu que en Ourense «tamén temos outras infraestruturas que levan o apelido «de Galicia», como poden ser o Parque Náutico de Castrelo de Miño, o Parque Tecnolóxico, a Estación de Viticultura e os futuros museos galegos do Entroido e da Emigración. E o Museo do Viño de Galicia terá a súa ubicación idónea na nosa provincia, que conta con catro das cinco denominacións de orixe que temos en Galicia, e para tal fin o goberno provincial cooperará en todo o necesario co goberno autonómico».

Manuel Baltar expresou que este acordo coa Xunta plasmarase proximamente nun convenio de colaboración, «na seguridade de que chegaremos a un acordo que repercuta en que este museo sexa un novo polo de atracción no ámbito do viño e do turismo, porque o feito de que sexamos a provincia de España con máis denominacións de orixe supón para a Deputación un eixe estratéxico polo que apostamos».

O acordo de colaboración que se asinará nas próximas semanas incluirá as propostas da Xunta de Galicia e a planificación que dende a Deputación de Ourense se puxo en marcha co plan de goberno «Ourense 15-19», un convenio que terá como obxectivo converter ao museo no punto de referencia vitivinícola de Galicia.

Pola súa banda, Román Rodríguez dixo sobre o edificio que, unha vez rehabilitado, «agora toca darlle o uso correspondente para que repercuta na cidadanía e no mundo do viño», e engadiu que estando no corazón do Ribeiro e na provincia máis importante neste sector «asinaremos ese convenio que posibilite a xestión compartida entre ámbalas dúas institucións e que determine as variables que supoñan o maior beneficio para a comarca e para o ámbito do viño».

O conselleiro de Cultura, quen agradeceu á Igrexa e ao Bispado de Ourense a cesión do edificio, afirmou que o museo «ubicarase nun lugar arquitectónico e paisaxístico de primeiro nivel, e agora toca dar o seguinte paso que é poñer en valor este Museo do Viño que contribuirá destacadamente na promoción dos viños de Galicia».

También te podría gustar...