Presentación Noite Meiga

 

A Deputación de Ourense colaborará un ano máis na celebración da “Noite Meiga” de Ribadavia, un evento que ten como obxectivo pór en valor a tradición ancestral celta do Samaín. As actividades deste evento, que se desenvolverán na capital do Ribeiro mañá venres e o sábado 1 de novembro, foron presentadas hoxe polo asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, acompañado polas vogais da asociación Ribadavia Activa.T, Alba González e Portal Viso, organizadora da “Noite Meiga”.

César Fernández agradeceu á asociación Ribadavia Activa.T o seu dinamismo a prol de iniciativas que fomenten as actividades culturais e sociais na vila de Ribadavia e, sinaladamente neste caso, a celebración da “Noite Meiga”, “unha orixinal e innovadora proposta lúdica coa que colabora a Deputación de Ourense dentro da liña de axudas a actividades culturais, para as que, en total, o ente provincial achega unha cantidade de 100.000 euros na provincia de Ourense”.

O programa da “Noite Meiga” inclúe entre outras actividades a denominada “Pasaxe do terror”, que terá lugar mañá entre as dez da noite e a unha da madrugada, unha das propostas que máis éxito ten e que se celebra no Castelo de Ribadavia. Tamén haberá desfiles, bailes, concertos, mercadiños e actividades todas elas relacionadas co Samaín, para o cal os organizadores convidan aos asistentes a lucir disfraces alusivos ao tema ou ben achegarse a Ribadavia vestidos de negro “para afastar aos malos espíritos”, explica Portal Viso. O programa completase con premios os mellores disfraces, espectáculos de “aquelarres”, unha gran queimada e o concerto final a cargo de “Festicultores Troupe”, todo elo para celebrar o fin de ano Celta, e o paso, segundo di a tradición, da luz á escuridade.