A Deputación colabora co Banco de Alimentos de Ourense na atención a colectivos en risco de exclusión social

Manuel Baltar e Cecilio Santalices

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, con quen analizou a situación actual dos servizos sociais na provincia de Ourense, en especial no que atinxe aos colectivos de persoas máis necesitadas. Precisamente, a Deputación de Ourense, na súa liña de axudas a entidades de iniciativa social para proxectos de servizos sociais, destinou este ano 2014 un total de 350.000 euros para entidades sen ánimo de lucro. Entre elas figura o Banco de Alimentos de Ourense, que nas anualidade de 2013 e 2014 recibiu en total máis de 28.000 euros para o desenvolvemento de seu labor solidario, un traballo que o presidente Manuel Baltar coñeceu en detalle na visita que realizou ás súas instalacións.

Unhas axudas sociais que foron unha novidade na Deputación de Ourense en 2013, que se incrementaron ao ano seguinte, e que nos orzamentos de 2015 manterán esa liña ascendente “porque primeiro son as persoas”, afirma Manuel Baltar, quen lembra que boa mostra delo é o labor que realiza o Banco de Alimentos de Ourense, “que atende a 83 entidades benéficas, que dan cobertura a unhas 16.000 persoas de diferentes colectivos en risco de exclusión social, e forma parte da Federación Española de Bancos de Alimentos, que foi galardoada en 2012 co Premio Príncipe de Asturias da Concordia, un recoñecemento, sen dúbidas, merecido polo gran labor social e solidario que realiza”.

Cecilio Santalices explicoulle a Manuel Baltar que o  obxectivo do Banco de Alimentos de Ourense “é a recepción e o reparto de alimentos de maneira gratuíta a entidades benéficas recoñecidas, que son as únicas, pola súa relación directa coas persoas necesitadas, que poden asegurar que os alimentos cheguen ao seu destino final: os máis necesitados”.