SERGAS

A Consellería de Sanidade garante que todos os pacientes de hepatite C que cumpren os criterios acordados para o Sistema Nacional de Saúde establecidos polos expertos, son tratados cos novos medicamentos. Así o trasladou hoxe a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na reunión que mantivo coa plataforma galega de afectados pola hepatite C, coa fin de abrir unha canle de diálogo e escoitar as preocupacións deste colectivo de pacientes. Na reunión tamén participaron o Xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Félix Rubial; e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado.

Na xuntanza, que tivo lugar no Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro, os directivos da Administración sanitaria galega trasladáronlle aos enfermos de hepatite C que o departamento que dirixe Rocío Mosquera seguirá a realizar os esforzos necesarios para garantir unha terapia efectiva e segura para todos aqueles afectados que o precisen, axustada á situación clínica dos pacientes e acorde á incorporación dos novos esquemas terapéuticos e dos novos tratamentos que se vaian incluíndo na prestación farmacéutica, todo elo contando co asesoramento e seguimento dos expertos.

Neste eido, a Consellería sinalou que Galicia está a tratar aos pacientes de hepatite C de acordo aos criterios aprobados para o Sistema Nacional de Saúde e que foron elaborados por expertos na materia conforme á evidencia científica dispoñible. Ditos criterios serán obxecto de actualización a medida que se incrementan as dispoñibilidades terapéuticas e se adquiran novas evidencias científicas.

O Sergas está a garantir a homoxeneidade e a equidade de acceso aos novos antivirais grazas ao asesoramento realizado a través dunha comisión colexiada, composta por facultativos especialistas no tratamento desta enfermidade e que avalían todos os posibles casos susceptibles de tratamento para esta enfermidade.

A Conselleira tamén referiu aos representantes da plataforma de afectados o máis relevante tratado onte no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde referente a este tema. Nesta contorna, trasladóuselles que o Servizo Galego de Saúde segue a traballar co Ministerio e co resto das comunidades autónomas para elaborar unha estratexia nacional da hepatite C, mediante a cal, coa participación de expertos nacionais e internacionais, se creará un rexistro e base de datos do Sistema Nacional de Saúde, ferramenta fundamental para coñecer o problema e determinar o alcance e os resultados acadados.