image_gallery (1)

 

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou hoxe o Hospital de Verín, para comprobar as medidas adoptadas no marco do Plan de Eficiencia Enerxética para os hospitais públicos. No caso concreto deste centro, estamos a falar, -dixo a conselleira-, de dous novos equipos térmicos que usan a biomasa como combustible cunha potencia térmica total de 1.000 kw. Inclúense, tamén, sistemas de almacenamento da biomasa e de dosificación a caldeiras, ademais dos sistemas de filtración de gases de combustión. O investimento supera os 350.000 euros.

A titular da carteira sanitaria do Executivo galego lembrou que o principal obxectivo do Plan é promover medidas de aforro enerxético, económico e de emisións ambientais, mediante a eficiencia enerxética e a incorporación de equipamentos térmicos alimentados con biomasa nos distintos centros hospitalarios do Sergas, como a caldeira que hoxe visitou no Hospital de Verín.

Rocío Mosquera afirmou que os plans de eficiencia enerxética do Sergas están implantados en máis do 70% da totalidade dos nosos centros hospitalarios. O aforro económico xa xerado, ata decembro de 2014, supera os 5,8 millóns de euros, e o aforro estimado para os custes enerxéticos nos vindeiros 8 anos é de 50 millóns de euros.

A conselleira lembrou que esta aposta pola biomasa intégrase, tamén, no desenvolvemento da Estratexia integral de impulso da biomasa 2014-2020, que está a promover o Goberno galego, por medio da Consellería de Economía e Industria.

Tal e como explicou Rocío Mosquera, ata o de agora licitáronse e adxudicáronse cinco actuacións que afectan a 20 centros hospitalarios, dependentes das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada de Santiago; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte; Ourense; Verín e O Barco; e A Coruña. Así, -dixo a conselleira-, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago está en marcha dende agosto de 2012; en Ferrol dende abril de 2014; nos cinco hospitais comarcais dende xuño do mesmo ano; e, no C.H. Universitario de Ourense, dende setembro, tamén de 2014.