• Afectarían as interseccións con maior risco do Camiño Francés coa N-547
  • O Ministerio de Fomento xa diminuíu a limitación de velocidade en puntos críticos e implantou sinais luminosos de advertencia para peóns e condutores
  • A seguridade é un dos asuntos prioritarios e transversais do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia, que foi presentado na reunión pola directora de Turismo de Galicia
  • A día de hoxe a cifra de peregrinos que selaron a súa Compostela na Oficina do Peregrino en Santiago superou xa o total de peregrinos rexistrados no pasado ano, 237.886

A sede da Delegación do Goberno en Galicia acolleu onte a segunda reunión da Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños de Santiago, constituída o pasado mes de xullo. Esta comisión de carácter multidisciplinar, é froito do impulso conxunto do Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia para a mellora dos puntos de cruzamento entre as estradas estatais e autonómicas e o Camiño de Santiago.

Nesta sesión e en cumprimento dos acordos adoptados na reunión constitutiva, foron identificados, analizados e priorizados os distintos puntos de conflito entre a ruta do Camiño Francés -o primeiro onde se actúa- e as estradas estatais, en concreto, na N-547. En paralelo, acordáronse as actuacións que deben realizarse a fin de lograr unha adecuada seguridade viaria no Camiño de Santiago.

Así, en función das características actuais das devanditas interseccións formuláronse propostas concretas para a mellora da seguridade viaria, mediante a construción de pasos inferiores peonís con adecuados camiños de acceso que garantan a seguridade. E, ao mesmo tempo, gardando o máximo respecto ao Camiño de Santiago e sempre en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

No caso do Ministerio de Fomento, no proxecto de Lei de PGE para 2016 prevíronse partidas para acometer estas actuacións de mellora da seguridade viaria mediante a Construción de pasos inferiores e sendas nos cruces do Camiño de Santiago coa N-547.

Estas medidas uniranse ás que xa están en marcha desde este pasado verán. Así, nesta estrada N-547, o Ministerio de Fomento xa limitou a velocidade nos puntos de cruzamento do Camiño de Santiago, que diariamente transitan máis de 1.000 peregrinos, e implantou sinais con leds de advertencia de perigo polo cruzamento de peóns e peregrinos, reforzando así a sinalización preexistente.

A sede da Delegación do Goberno en Galicia acolleu onte a segunda reunión da Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños de Santiago

A sede da Delegación do Goberno en Galicia acolleu onte a segunda reunión da Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños de Santiago

Plan Director e Estratéxico do Camiño
Na reunión, a directora de Turismo de Galicia informou dos contidos do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, que ten a seguridade como un dos asuntos prioritarios e transversais do mesmo, contendo numerosos plans de acción centrados en garantir a seguridade dos peregrinos.

Así, na liña estratéxica dedicada á conservación e mantemento do Camiño, un dos plans de accións prioritarios que establece o plan é o mantemento viario, sinalización e seguridade viaria da Ruta Xacobea. Destacan accións como o establecemento dun plan de sinalización homoxéneo que garantirá a seguridade viaria do peregrino, o establecemento de pasos peonís ou outras vías de tránsito ou a formalización dun modelo de intervención para as incidencias de seguridade viaria no Camiño, entre outras.

Por outra banda, na liña estratéxica centrada na especialización e calidade no servizo de atención ao peregrino, o Plan Director establece outra liña de acción prioritaria dedicada á garantía dun servizo continuado de seguridade e plans de asistencia sanitaria e de emerxencia no Camiño a través do cal se poñerán en marcha iniciativas como: o establecemento dun plan de actuación sanitaria que preste atención para os peregrinos; o reforzo da coordinación dos Corpos de Seguridade Estatal, Autonómica e Local para garantir a seguridade no Camiño a través da implantación dun servizo de vixilancia nos períodos de maior afluencia de peregrinos, ou a elaboración dunha guía do peregrino para situacións de emerxencia.

Superados os 237.866 peregrinos rexistrados en 2014
A día de hoxe a cifra de peregrinos que selaron o seu Compostela na Oficina do Peregrino, en Santiago, superou xa o total de peregrinos rexistrados no pasado ano, 237.886.

Isto supón un incremento do número de peregrinos chegados a Santiago de Compostela de máis do 10% en relación ao pasado ano.