Campaña de vacinación fronte a gripe

 

A directora xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública, Sonia Martínez Arca, destacou hoxe que a campaña de vacinación fronte a gripe se iniciará o próximo luns, 20 de outubro, e finalizará o 20 de decembro. Para ela adquiríronse un total de 530.300 doses de vacinas antigripais que se distribuirán nuns 900 puntos de vacinación.

Galicia, que adquiriu estas vacinas mediante un acordo marco con Ministerio de Sanidade e outras 13 comunidades autónomas, destinará 2 millóns de euros á campaña.

Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos e, ao igual que o ano pasado, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden. Así, entre os traballadores de atención primaria e especializada do Sergas o obxectivo de cobertura é superar o 35%.

Poboación diana

A campaña de vacinación fronte a gripe está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da antigripal as persoas con condicións crónicas de risco, embarazadas, persoas ingresadas en institucións pechadas, entre outras.

Ademais, tamén se recomenda a vacinación ao persoal sanitario, empregados de institucións pechadas e outros centros para enfermos crónicos; e ás persoas que atenden ou están en contacto con persoas incluídas en grupos de risco. Tamén, ás que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.

Organización da campaña

Utilizarase dous tipos de vacina: o primeiro para as persoas de 60 a 74 anos non institucionalizadas e as menores de 60 anos pertencentes aos grupos de risco; e o segundo para a poboación maior de 74 anos ou de 65 ou máis anos que vivan en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Como novidade, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo.

Galicia conta cuns 900 puntos de vacinación, entre os que se atopan centros de saúde e consultorios; centros hospitalarios públicos; os hospitais, centros médicos e consultas médicas privados; residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios; e centros de atención a discapacitados.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu centro médico onde serán informados das vacinas que deben recibir.

Sanidade lembra á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, dende a Consellería solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Por último, no que atinxe aos resultados de vacinación na campaña do pasado ano acadouse unha cobertura entre a poboación maior de 65 anos do 52%.