A Amtega publica no repositorio de software libre da Xunta de Galicia o código fonte do portal MapaTIC.gal

AmtegaA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de publicar no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia o código fonte do portal MapaTIC, xunto coa súa documentación, ambos baixo licenzas libres.

Esta liberación vai permitir a reutilización por parte doutras administracións, con iniciativas similares, dun portal web que achega a oferta de solucións TIC aos posibles demandantes das mesmas.

MapaTIC.gal, punto de encontro entre a oferta e demanda TIC en Galicia
O portal MapaTIC.gal achega a oferta do catálogo de produtos e servizos TIC das empresas galegas do sector ás empresas doutros sectores que demandan solucións tecnolóxicas. O portal ten rexistrados 331 provedores tecnolóxicos e 768 solucións e servizos TIC.

Os provedores que se rexistran no MapaTIC poden publicar as súas ofertas tecnolóxicas e poden responder as demandas de solucións que formulen os posibles compradores.

As pemes e autónomos que se rexistren no MapaTIC poden publicar as súas demandas tecnolóxicas para recibir ofertas de provedores existentes, acceder a información detallada de solucións, identificar ó provedor tecnolóxico máis próximo, comparar varias solucións ou mesmo coñecer casos reais de outras empresas que xa implantaron unha determinada solución.

Repositorio de Software Libre da Xunta
Esta publicación do MapaTIC como Software Libre enmarcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia que pon á disposición da Administración Pública galega o servizo de certificación de liberación de software.

O portal MapaTIC foi liberado cunha licenza libre GPL2 (General Public License version 2). O código fonte pode ser descargado dende a páxina do proxecto no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.

También te podría gustar...