A Amtega celebra o 11 de marzo unha xornada divulgativa sobre a aplicación Xeshostal no centro demostrador TIC

AmtegaO Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 11 de marzo, unha sesión demostradora sobre Xeshostal, un software para a xestión hoteleira, desenvolvido pola Axencia de Turismo da Xunta.

Na xornada, que se desenvolverá en horario de 16.30 a 18.00 horas, amosarase o funcionamento da aplicación Xeshostal, unha ferramenta deseñada para que os pequenos establecementos hoteleiros poidan xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes. Así mesmo, permite fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das súas características e obter informes de xestión e planificación semanais ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación etc.

Esta sesión está destinada a profesionais do sector turístico, principalmente os do sector hoteleiro. A demostración correrá a cargo de Antón Macías de Miguel, enxeñeiro en Informática de Sistemas cunha longa experiencia como programador tanto no sector público coma no privado.

Para participar nesta actividade só é preciso inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde.

A aplicación Xeshostal no CDTIC Virtual

Xeshostal (http://www.ietgalicia.com/portal/index.php?idm=157) é unha aplicación libre que permite a xestión en liña de establecementos hoteleiros. Trátase dunha ferramenta pioneira para mellorar a xestión dos pequenos aloxamentos turísticos e para compartir datos.

A aplicación foi liberada no Repositorio de Software Libre de Galicia (https://forxa.mancomun.org/) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Xeshostal está dispoñible para probas no CDTIC Virtual (https://cdtic.xunta.es/info-cdtic-virtual), un servizo que ofrece ás empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube. Deste xeito pode coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.

As vantaxes desde servizo para a empresa son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.

Este servizo iniciouse coa aplicación Owncloud, unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing) destinada principalmente a pemes e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado, que desde a súa posta a disposición no CDTIC virtual a principios de setembro, foi solicitado por cerca de 20 empresas.

También te podría gustar...