A Amtega abre unha nova convocatoria do curso para obter a Certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta

AmtegaA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) con 180 prazas para este curso preparatorio, previo ao exame presencial que terá lugar a mediados do mes de xaneiro.

A inscrición realizarase a través da web de CeMIT, http://cemit.xunta.es, nun prazo de cinco naturais a partir de mañá, mércores 2 de setembro. Ao remate deste período publicarase a relación provisional de persoas admitidas no portal da rede CeMIT. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días naturais desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuario da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio.

Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2015, que terá a súa continuación cunha nova convocatoria de exame presencial en outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un total de preto de 1.100 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron mais de 600 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 1.300 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas probas presenciais celebradas en diversas aulas da rede.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.