Manuel Baltar e Roberto González

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu onte no Pazo Provincial ao presidente da Irmandade Galega de Venezuela, Roberto González Pérez, quen participou estes días na reunión anual da comisión delegada do Consello das Comunidades Galegas, que reuniu no Parador de Santo Estevo aos representantes de máis dun centenar de centros e casas de Galicia distribuídas por todo o mundo. Baltar e González analizaron a situación política, social e económica pola que atravesa Venezuela na actualidade, e o presidente do goberno provincial transmitiulle a importancia que para a Deputación teñen os ourensáns da emigración e as entidades e organismos nos que se agrupan para o desenvolvemento de diferentes actividades na diáspora.

Manuel Baltar destacou o interese da Deputación “por seguir afondando na importancia da nosa emigración, pois somos un pobo traballador, creativo e emigrante”, e citou como exemplo o que será o futuro Museo Galego da Emigración, proxecto da Deputación de Ourense. Venezuela rexistra un censo de 36.000 galegos residentes neste país caribeño, dos cales aproximadamente 9.000 son ourensáns.