25 anos Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril

  • O Alcalde reafirma o seu compromiso co ferrocarril en Monforte
  • José Tomé Roca, inaugurou as xornadas organizadas pola Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril co gallo do 25 aniversario da súa constitución
  • Na súa intervención, o Alcalde incidiu na obriga que ten Monforte de “seguir xogando un papel principal no desenvolvemento do ferrocarril en Galicia, no que se refire ó transporte de persoas, pero sobre todo, na loxística e no transporte de mercadorías, porque Monforte é a entrada e a saída natural das mercadorías de Galicia”
  • Neste senso, o mandatario monfortino, e tamén Presidente da Deputación de Lugo, reafirmou o seu compromiso “firme e decidido co ferrocarril” e recordou que “Monforte é agora protagonista do maior investimento do Goberno de España en Galicia con 546 millóns de euros para a modernización do corredor ferroviario entre Ourense e Lugo”
  • O rexedor monfortino salientou a importancia desta Asociación ”coa que colaboramos estreitamente e que forma parte da cultura e da identidade de Monforte” e felicitou ós seus membros por estes “25 anos de traballo ben feito e porque son vostedes a memoria viva que nos permite recordar e poñer en valor a importancia que o ferrocarril tivo e ten en Monforte”
  • Tomé Roca concluíu subliñando que “imos seguir traballando para que o ferrocarril recupere en Monforte a relevancia que tivo como peza esencial para o desenvolvemento económico e o crecemento do noso Concello, da nosa comarca e da nosa provincia”.
  • O Centro Cívico de Monforte acolleu, tras a intervención do Alcalde, dúas mesas redondas centradas no futuro do ferrocarril en Galicia e na conservación da memoria histórica de organizacións e institucións
  • Ademais, a Casa da Cultura recolle unha exposición retrospectiva que amosa as principais actividades desenvoltas por esta asociación ó longo dos seus 25 anos de historia, e que poderá ser visitada ata o 10 de novembro

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe as xornadas que a Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril (AMAFER), organizou co gallo do 25 aniversario da súa constitución, e que se desenvolveron no Centro Cívico da cidade.

Na súa intervención, na que estivo acompañado polo presidente de AMAFER, Fermín Avellaneda, o Alcalde incidiu na obriga que ten Monforte de “seguir xogando un papel principal no desenvolvemento do ferrocarril en Galicia, no que se refire ó transporte de persoas, pero sobre todo, na loxística e no transporte de mercadorías, porque Monforte é a entrada e a saída natural das mercadorías de Galicia”.

Neste senso, o mandatario monfortino, e tamén Presidente da Deputación de Lugo, reafirmou o seu compromiso “firme e decidido co ferrocarril” e recordou que “Monforte é agora protagonista do maior investimento do Goberno de España en Galicia con 546 millóns de euros para a modernización do corredor ferroviario entre Ourense e Lugo”.

O rexedor municipal tamén salientou a importancia de AMAFER, ”asociación coa que colaboramos estreitamente e que forma parte da cultura e da identidade de Monforte” e tamén aproveitou para felicitar ós seus membros por estes “25 anos de traballo ben feito e porque son vostedes a memoria viva que nos permite recordar e poñer en valor a importancia que o ferrocarril tivo e ten en Monforte”.

“O ferrocarril representou sempre avance tecnolóxico, emprego, vertebración do territorio, intercambio de mercadorías, desenvolvemento económico…, e AMAFER forma parte dese inmenso valor que este sector aportou, non só á nosa cidade, senón tamén a todo o país” salientou José Tomé.

O Alcalde concluíu subliñando que “imos seguir traballando para que o ferrocarril recupere en Monforte a relevancia que tivo como peza esencial para o desenvolvemento económico e o crecemento do noso Concello, da nosa comarca e da nosa provincia”.

Mesas redondas e exposición retrospectiva nos 25 anos de AMAFER

Tras a intervención do Alcalde, o Centro Cívico de Monforte acolleu dúas mesas redondas organizadas por AMAFER e centradas no futuro do ferrocarril en Galicia e na conservación da memoria histórica de organizacións e institucións.

A primeira delas levou por título “A importancia de conservar a memoria histórica das organizacións/institucións” e contou coa participación do Director do Museo do Ferrocarril de Madrid, Francisco Polo, e da Directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro. De moderar o debate encargouse Carlos Cortés, delegado de La Voz de Galicia na comarca de Lemos.

A segunda das mesas abordou “O futuro do ferrocarril en Galicia. Unha mirada á explotación comercial da rede férrea”, coas intervencións do Subdirector de Estaciones Noroeste de ADIF, Víctor Barrós, e o representante institucional de RENFE en Galicia, Javier Pérez, que foron moderados por Luís Rodríguez, delegado de El Progreso na bisbarra de Lemos.

Do mesmo xeito, e tamén co gallo do 25 aniversario da constitución desta Asociación, a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acolle dende onte unha exposición retrospectiva que amosa as principais actividades desenvoltas por AMAFER ó longo dos seus 25 anos de historia, e que poderá ser visitada ata o 10 de novembro. Nela recóllese un cuarto de século de eventos co ferrocarril e con Monforte como protagonistas dos mesmos.