23 Consellos Reguladores recibirán 445.000 euros en axudas para apoiar o seu funcionamiento

xunta-de-galicia-300x135O Goberno galego impulsa a promoción dos alimentos de calidade e o seu consumo con axudas por un importe total de 445.957,98 euros destinadas aos gastos de funcionamento de 23 consellos reguladores de produtos agroalimentarios da nosa Comunidade.

O Consello da Xunta aprobou hoxe estas subvencións destinadas a un sector fundamental para a economía galega. Con estes fondos, que se conceden anualmente, contribúese ao desenvolvemento das funcións destas entidades, clave no fomento e promoción da súa produción e no control de alimentos de calidade.

Estas subvencións son de especial relevancia para os consellos reguladores cunha facturación global máis pequena e para os de recente creación, xa que son os que teñen maiores dificultades de autofinanciamento.

En Galicia os produtos de calidade supoñen unha facturación anual duns 300 millóns de euros e implican a case 30.000 explotacións agrarias –moitas delas de carácter familiar– e a 900 industrias.

Os consellos reguladores son os organismos encargados da xestión destas producións, de velar polo seu prestixio no mercado e de difundir o seu coñecemento, o que repercute en beneficio de todos os cidadáns.

Nesta liña, resulta fundamental para a economía galega –e polo tanto para os cidadáns– manter e intensificar a asociación Galicia/alimentos de calidade que existe nos consumidores do mercado español, na medida en que se dá valor á “marca” Galicia, o que ten indubidables efectos positivos.