• Pazolandia, o maior parque estacional de Galicia, desde hoxe ata  o 4 de xaneiro
  • O Pazo dos Deportes “Paco Paz” acolle a vixésima cuarta edición deste evento infantil, organizado desde 1993 pola Deputación de Ourense
  • Entre as novidades deste ano destaca a venda, por primeira vez, de entradas a través de Internet, novas atraccións e o seguimento das actividades a través do facebook de Pazolandia

 

Rosendo Fernández visita Pazolandia 2016

 

Pazolandia, o maior parque estacional de Galicia, abre un ano máis as súas portas no Pazo dos Deportes “Paco Paz”: desde o 26 de decembro ata o 4 de xaneiro. Trátase da vixésimo cuarta edición desta iniciativa infantil que a Deputación de Ourense vén organizando no Nadal desde o ano 1993. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, visitaron as instalacións do Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

Rosendo Fernández explicou durante a visita que entre as novidades deste ano “destaca a venda, por primeira vez, de entradas a través de Internet na páxina web www.pazolandia.es, aínda que tamén estarán dispoñibles nas taquillas do recinto. O prezo da entrada é de 4 euros, mentres que para os nenos que veñan a través dos concellos da provincia, o prezo será de 3 euros”.

O parque conta con máis de cen actividades diferentes: atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación, ludotecas, multiespazo de videoxogos, obradoiro de realidade virtual, inchables, repartidos ao longo de preto de 8.000 metros cadrados, nos diferentes espazos do pavillón de deportes e nos exteriores da instalación. Como novidade, nesta edición recupéranse a atracción dos toros mecánicos, a gran atracción Move-It nos exteriores, e varios obradoiros novos de cociña, photo call, e polbos máxicos, así como un espazo de ecociclos.

En canto ao desenvolvemento do evento haberá cada día dúas sesións: de 11.00 ás 14.00 horas, e de 17.00 ás 20.00 horas. En total serán nove días de actividade para un total de dezasete sesións. Así mesmo, as actividades poderán seguirse puntualmente a través do facebook oficial de Pazolandia.

Nesta 24ª edición participarán catro mil nenos chegados de preto de 70 municipios da provincia e prevese unha asistencia de público de 25.000 persoas aproximadamente. Nese senso, “o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, convidou a centros de acollida de nenos e nenas de diversas entidades de carácter benéfico, para que ningún cativo da provincia, deixe de gozar das actividades que ofrece Pazolandia”, dixo o vicepresidente do goberno provincial.

No evento traballan ao redor de 80 persoas, entre persoal das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas, persoas de mantemento, montadores, coidadores, taquilleiros, Cruz Vermella, médicos, vixilantes e persoal administrativo, a quen Rosendo Fernández quixo agradecer o seu labor durante estas datas para levar a cabo esta gran iniciativa infantil.