Xornada cos últimos avances no tratamento da morte súbita

  • Expertos nacionais e internacionais expoñen os últimos avances no tratamento da morte súbita nunha xornada organizada polo 061 de Galicia
  • O acto de inauguración estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña
  • A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 participa en diferentes proxectos de investigación, como o rexistro OHSCAR e o proxecto Anxos, para mellorar a supervivencia e recuperación neurolóxica destes pacientes
  • O presidente do Consello Español de Reanimación Cardiopulmonar falou da importancia de prover os doentes de RCP de calidade e de ter identificadas ás persoas en risco de sufrir unha morte súbita

0000659874O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu onte a XIII Xornada sobre a urxencia e a emerxencia: asistencia á morte súbita no século XXI, organizada pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. O acto estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, o director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, e o presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias en Galicia, Manuel José Vázquez Lima.

Na súa intervención, o conselleiro remarcou que este é un ano especial para o 061, xa que cumpre 20 anos. Dúas décadas dun gran traballo, -dixo-. Ao respecto, amosou o seu máis profundo agradecemento aos profesionais que o fixeron posible.

Recordou que o 061 atende en Galicia unhas 780 incidencias por morte súbita ao ano fora do hospital, polo que calquera persoa poder ser testemuña dunha parada cardiorrespiratoria, tanto no fogar como na rúa, de aí a importancia de formar á poboación en coñecementos sobre reanimación cardiopulmonar.

Sinalou, tamén, que as cifras sobre supervivencia en persoas que foron reanimadas con masaxe cardíaca tras sufrir unha morte súbita indican que ao redor do 11% sobreviven, mentres que aqueles aos que non se lles aplicaron técnicas de reanimación cardiopulmonar sobreviven no 3-4% dos casos.

A xornada comezou cun recoñecemento á XV Zona Guardia Civil-Galicia, por parte do Padroado de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pola súa participación constante e apoio incondicional ao 061 no desenvolvemento do seu labor na atención sanitaria urxente e contribución á mellora da saúde da poboación de Galicia. Ao respecto, o conselleiro tivo unhas palabras para o labor desta institución, da que dixo que a cooperación con eles en accidentes e outras situacións constitúe un modelo exemplar de colaboración que debería estenderse a todas as actuacións que redunden en beneficio da cidadanía.

Xestión e coordinación
Este encontro serve de foro para revisar os aspectos esenciais da asistencia á morte súbita, no referido á xestión dos recursos sanitarios e á coordinación e á integración efectiva dos diferentes niveis asistenciais na atención á parada cardíaca que constitúe a principal causa de morte prematura en España. Ademais, os participantes analizan a situación actual desta patoloxía na comunidade galega e afondan nos resultados obtidos e nos desafíos dos vindeiros anos co obxectivo de mellorar non só a supervivencia dos pacientes, senón tamén a calidade da súa recuperación neurolóxica.

Importancia da RCP de calidade
O contido científico da xornada, estruturado en dous bloques, iníciase cunha mesa redonda moderada pola doutora Dolores Vila Fernández, xefa de Servizo de Coidados Intensivos do Hospital Álvaro Cunqueiro que presenta os últimos avances na reanimación cardiopulmonar. Seguidamente, o doutor Ignacio Fernández Lozano, presidente do Consello Español de Resucitación, abordará a importancia de prover aos doentes de RCP de calidade e de ter identificadas, nos casos en que sexa posible, ás persoas en risco de sufrir unha morte súbita para anticipar o seu tratamento, ademais de facilitar a accesibilidade aos recursos de desfibrilación e a reanimación precoz.

O doutor José María Unanue Munduate, director xerente de Emerxencias Osakidetza, insistirá no concepto da reanimación precoz e falou da importancia da realización da RCP por testemuña e o soporte técnico a esta dende as centrais de coordinación de emerxencias, como unha das estratexias máis efectivas para incrementar a porcentaxe de vítimas que recuperan o pulso despois de sufrir unha parada cardíaca. Precisamente, a importancia da RCP por testemuña no contexto xeral do soporte vital, será tratado polo doutor Fernando Rosell, investigador principal do proxecto OHSCAR (rexistro español da parada cardíaca extrahospitalaria) que sinalará a necesidade de compartir un rexistro unificado dos resultados da asistencia como elemento clave para avaliar, medir e comparar os resultados das diferentes estratexias implementadas no tratamento da morte súbita.

A segunda mesa redonda, centrada na xestión do soporte vital, tivo como moderador ao doutor Francisco Aramburu Vilariño, xefe de sección do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e presidente de Honra da Sociedade de Urxencias e Emerxencias de Galicia. Neste contexto, o doutor Robert Greif, director de Adestramento e Formación do European Resuscitation Council (ERC), destacou a importancia da coordinación de todos os elos que forman a cadea de supervivencia e compartirá a visión do ERC sobre os programas de adestramento integrais baseados na homoxeneización dos conceptos, máis respectando as peculiaridades de cada sistema sanitario.

Proxecto Anxos
A continuación Roberto Barcala, profesor titular da Universidade de Vigo e investigador cun amplo currículo na ensinanza da reanimación cardiopulmonar, presentará o proxecto Anxos. Un estudo pioneiro liderado polo 061 de Galicia, baseado nun traballo de investigación ‒que se está a desenvolver en Galicia e no que participan 750 nenos‒ cuxo obxectivo é coñecer cal é a idade e o método de aprendizaxe máis eficiente para adestrar aos nenos e nenas na realización de técnicas de reanimación cardiopulmonar.

Pola súa banda, o doutor Antonio Rodríguez Núñez, pediatra do Servizo de Críticos, Urxencias e Intermedios do Hospital Clínico Universitario de Santiago, e membro do Grupo Español de RCP Pediátrica e Neonatal, presentou os resultados dos últimos estudos sobre soporte vital, así como as estratexias que se deben desenvolver no campo da investigación cara aos vindeiros anos. Finalmente, a clausura da xornada correspóndelle ao doutor Alfonso Alonso Fachado, subdirector xeral de Programación e Planificación Asistencial do Servizo Galego de Saúde.

También te podría gustar...