Womex 2016: confirmada a capacidade técnica e artística da industria musical galega

  • O éxito de Womex en Santiago confirma a capacidade técnica e artística da industria musical galega
  • A edición de 2016 ocupou o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura con 291 stands, acadando un novo récord na historia deste mercado
  • Arredor de 2.400 profesionais de 95 países, entre os que se atopaban 300 xornalistas internacionais, congregáronse en Compostela durante cinco días de actividade feiral e de ‘showcases’ a cargo de preto de 300 músicos
  • O evento serviu de plataforma de difusión da cultura e da música de Galicia a través das actuacións dos cinco grupos seleccionados, así como do traballo das empresas do expositor de GalicianTunes e dos profesionais galegos implicados na organización

image_gallery-4

 

A celebración de Womex a pasada semana en Santiago de Compostela confirmou a calidade técnica e o talento artístico do sector musical galego diante dos 2.400 profesionais chegados desde 95 países para participar durante cinco días no meirande mercado internacional da ‘world music’.

Así o subliñou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, Jacobo Sutil, na súa intervención na rolda de prensa que tivo lugar hoxe no Concello de Santiago para ofrecer un primeiro balance da 22ª edición de Womex, a segunda que tivo a capital galega como anfitrioa en tres anos. Xunto con el, participaron Marta Lois, concelleira de Turismo de Santiago, e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, en representación das institucións que –xunto coa empresa Mahou– patrocinaron este macroencontro, ademais de Vítor Belho, de Nordesía Producións, como empresa á fronte da organización local.

Jacobo Sutil celebrou os bos resultados de Womex 2016, que cualificou de «éxito rotundo», e destacou o récord de ocupación feiral obtido no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, coa totalidade dos stands (291) vendidos con meses de antelación e onde se instalaron 717 compañías de 51 países.

Emisión en directo da BBC
Canto aos datos de asistencia, entre os 2.400 delegados e delegadas –representantes, á súa vez, de 1.410 empresas– atopábanse 620 responsables de discográficas e distribuidoras, 827 axentes de vendas, 730 mánagers, 357 produtores, 416 representantes institucionais e 300 xornalistas, cunha destacada presenza de medios internacionais. Foi o caso da BBC, que emitiu en directo desde o estudio instalado pola Radio Galega no Gaiás, en colaboración coa European Broadcasting Union.

Neste sentido, e por riba dos datos numéricos, detívose especialmente no beneficio cualitativo que para a difusión da nosa música supuxo e suporá tanto Womex como o evento previo asociado Focus GalicianTunes. A través desta última iniciativa, promovida pola Agadic, un selecto grupo de 28 programadores de 21 países tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade e variedade musical de Galicia da man de 10 bandas e intérpretes.

Catrocentas reunións de traballo
Sutil tamén fixo fincapé na actividade rexistrada polas 23 empresas e asociacións que converteron o stand de GalicianTunes en epicentro do negocio musical galego en Womex. Estas compañías levaron a cabo máis de 400 reunións de traballo con axentes e distribuidores de catro continentes. «Penso que conseguimos ‘galeguizar’ ao máximo un evento tan global como este pasado Womex», engadiu.

A través dun perfil maioritario de visitantes cunha destacada presenza en redes sociais e diferentes plataformas dixitais, a imaxe de Compostela e Galicia viaxou por todo o mundo grazas a Womex. Tamén o fixo a calidade artística dos nosos intérpretes, que na carteleira de ‘showcases’ estiveron representados por Radio Cos, Xabier Díaz con Adufeiras de Salitre e NARF nos escenarios da Quintana e do Teatro Principal, e por Cuarteto Caramuxo e Talabarte no concerto de apertura. O director da Agadic trasladoulles publicamente os seus parabéns pola “entrega e entusiasmo cos que defenderon a música galega diante do mundo, que de seguro redundará favorablemente na nosa visibilidade musical e nas posibilidades de contratación dos nosos músicos”, asegurou.

Estes cinco grupos formaron parte dunha ampla programación multidisciplinar, no marco da que sete escenarios da cidade acolleron 60 concertos coa participación de 289 músicos de 43 países, ademais da quinta edición do Womex DJ Summit. O Museo Centro Gaiás albergou 25 conferencias a cargo de 83 relatores e mentores de 32 países, a proxección de 11 filmes, 19 xuntanzas de networking e oito ‘mentorings’ dirixidos por expertos internacionais.

I Womex Film Nights no Museo das Peregrinacións
Pola súa banda, o Museo das Peregrinacións foi a sede do I Womex Film Nights, un novo ciclo audiovisual coa música como protagonista, que lle ofreceu ao público a estrea mundial de dous filmes e a presentación na península ibérica doutros seis.

Respecto ao impacto económico, a organización local sinalou que o 90% do orzamento da feira foi investido en empresas galegas, con máis de 150 postos de traballo creados directamente e 150 indirectos. Á espera das cifras definitivas neste ámbito, a media do impacto positivo das últimas edicións de Womex no PIB do territorio que acolleu o mercado foi de 2,5 millóns de euros.

También te podría gustar...