Vaca Films, Agallas, Maruxiña e Dragoia Media promoven os seus produtos audiovisuais no ‘Marché du film’ do Festival de Cannes

Marché-du-Film-logoAs produtoras audiovisuais galegas Vaca Films, Agallas Films, Maruxiña Films e Dragoia Media están a participar no ‘Marché du Film’ de Cannes (Francia) como parte dunha misión comercial internacional que conta co apoio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), en colaboración co Igape (Instituto Galego de Promoción Económica). O obxectivo principal da presenza neste mercado cinematográfico, que se celebra ata o 23 de maio en paralelo ao Festival Internacional de Cine de Cannes e está considerado o máis importante do mundo no seu ámbito, é a procura de socios e compradores internacionais para os últimos produtos e proxectos audiovisuais galegos.

De feito, as catro empresas integrantes desta delegación están a centrar o seu traballo na cidade francesa no impulso ás vendas e na promoción exterior dos seus filmes. Así, Vaca Films está a pechar as vendas internacionais de dúas fitas que actualmente se atopan en fase de postprodución: ‘O descoñecido’, con estrea prevista dentro de 2015, e ‘Cien años de perdón’, realizada en coprodución con Arxentina e Francia. Esta última película, que amosou no ‘Marché’ as súas primeiras imaxes, acadou xa algunhas vendas previas e conta coa participación de Fox Internacional para a súa distribución en EE.UU. e en toda Latinoamérica.

Pola súa banda, Agallas Films está presente nos pases de mercado co filme ‘Lobos sucios’, cara a pechar acordos de distribución, vendas internacionais e promoción en festivais de cine; e tamén está a comercializar a fita de animación ‘Meigallos’. Maruxiña Films está a concertar posibilidades de coprodución internacional e financiamento para os proxectos ‘A visitante’ e ‘Jelly Jam’; en tanto que Dragoia Media asiste con ‘Dragonkeeper’, un proxecto de animación que se coproducirá con China e que xa ten o apoio do programa europeo MEDIA para o seu proceso de desenvolvemento.

O ‘Marché du Film’ supón unha oportunidade única para a compra, venda, financiamento, distribución e coprodución dos contidos que reúne. Anualmente congrega 20.000 profesionais, entre produtores, distribuidores de cine, axentes de vendas e programadores de festivais.

También te podría gustar...