• A I Xornada de Cooperación entre as deputacións de Ourense e Zamora pon en valor as potencialidades das dúas provincias
  • No apartado institucional os gobernos provinciais presentaron os programas de “Termalismo Social”, por parte de Ourense, e o proxecto cultural “Las edades del Hombre”, de Zamora
  • Corenta empresas de ámbalas dúas provincias celebraron un encontro empresarial para poñer en común posibilidades de cooperación nos ámbitos termal e turístico e explorar vías de negocio
Manuel Baltar, onte, na inauguración da xornada de cooperación interprovincial.

Manuel Baltar, onte, na inauguración da xornada de cooperación interprovincial.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da Deputación de Zamora, María Teresa Martín Pozo, inauguraron onte no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a “I Xornada de Cooperación da Rede Interprovincial Ourense-Zamora de comunicación e experiencia de xestión”, un evento que ten como obxectivo poñer en valor as potencialidades e os proxectos estratéxicos de ámbolos dous territorios, coa implicación dos seus gobernos provinciais e coa celebración de encontros bilaterais entre empresas de Ourense e Zamora para abrir canles de colaboración e explorar vías de negocio.

Manuel Baltar explicou que esta iniciativa ten unha palabra clave que é a “cooperación”, neste caso entre institucións provinciais, Ourense e Zamora, “que teñen claro que non só son gobernos que asisten técnica, económica e xuridicamente aos concellos, senón que teñen encomendada a defensa de un interese xeral de provincia”.

O presidente da Deputación de Ourense dixo que ambas institucións crearon esta Rede Interprovincial “que ten que ver non só coa situación limítrofe das provincias senón, con cuestións que nos unen e compartimos, no ámbito do turismo cultural e gastronómico, e tamén na importancia de promover as riquezas patrimoniais e artísticas de ámbolos dous territorios, o que debe propiciar actuacións conxuntas”.

Este encontro pretende “xerar riqueza sobre a base de acordos de colaboración que permitan tamén a interrelación entre empresarios de Ourense e de Zamora”, destacou Manuel Baltar, lembrando neste sentido que os vindeiros 16 e 17 de xuño, “terá lugar un evento singular entre empresas de Ourense e de Estados Unidos, impulsado pola Deputación de Ourense: a misión comercial certificada polo goberno norteamericano, na que 15 empresas americanas manterán contactos con empresas da provincia de Ourense, relacionadas con sectores que favorezan sinerxias, estratexias de internacionalización e emprego na provincia ourensá”.

No acto inaugural da xornada, Manuel Baltar remarcou a importancia do termalismo na provincia de Ourense, “segundo territorio de Europa con máis potencial termal”, e tamén destacou o programa de “Termalismo Social”, que puxo en marcha a Deputación de Ourense en colaboración con Renfe e que supuxo “unha innovación tanto na oferta de turismo de ocio e saúde como na xestión electrónica dos trámites que realizan as persoas interesadas neste programa de turismo termal”.

María Teresa Martín Pozo e Manuel Baltar

María Teresa Martín Pozo e Manuel Baltar

 

Similitudes xeográficas

Esta primeira xornada de cooperación interprovincial enmárcase dentro da “Declaración das Provincias do Interior de Zamora e Ourense” que firmaron ambos presidentes o pasado ano, coa que se iniciaba unha senda de colaboración entre ambas provincias, que presentan grandes similitudes tanto xeográficas e poboacionais como de competitividade, o que deu lugar á creación da “Rede Interprovincial de Comunicación e Experiencias de Xestión”, que hoxe celebra o seu primeiro encontro.

A presidenta da Deputación de Ourense destacou a importancia deste tipo de encontros “entre provincias que presentan moitas similitudes e que, polo tanto, nos podemos axudar mutuamente. Os dous piares da economía de ambas provincias están centrados no sector agroalimentario e no sector turístico, que é o que nos convoca hoxe aquí”.

A Deputación de Zamora presentou o proxecto cultural de “Las edades del hombre” “e tamén estiveron presentes empresarios zamoranos do sector do turismo activo -importante na provincia de Zamora que conta coa Reserva da Biosfera Transfronteiriza máis grande de Europa-, e empresas de hostalería e do sector agroalimentario”, salientou María Teresa Martín.

A xornada deu a coñecer proxectos estratéxicos de cada provincia. No caso de Ourense, o sector termal, un dos ámbitos de desenvolvemento estratéxico sobre o que a Deputación de Ourense leva impulsando nos últimos anos diferentes actuacións entre a que destaca o seu “Programa de Termalismo Social”, como modelo de cooperación público-privado entre a administración provincial, os balnearios da provincia e Renfe. Pola súa banda, a Deputación de Zamora ten no seu patrimonio artístico-relixioso un gran potencial de desenvolvemento, focalizado este ano na Exposición de “Las Edades del Hombre”, que ten ao municipio de Toro como sede, este ano dedicada á auga: AQVA.

A xornada tamén incluíu un encontro entre empresas de Ourense e Zamora (SpeedNetworking) do sector turístico, convocadas pola Cámara de Comercio de Ourense, no que se realizaron entrevistas bilaterais B2B dun máximo de 10 minutos cada unha, involucrando a todas as empresas participantes para favorecer o intercambio de propostas e explorar vías de colaboración entre elas. O obxectivo desta actuación é que as empresas poidan ampliar a súa rede de contactos e detectar potenciais colaboradores, sendo o inicio dun plan de colaboración e negocio entre empresas de ámbalas dúas provincias.