alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaxuntaO programa de intercambio interuniversitario ‘Iacobus’ destinou preto de catrocentos mil euros ao financiamento de 367 estadías en Galicia e Portugal durante o curso 2014-2015.

O ‘Iacobus’ é un programa de cooperación cultural, científica e pedagóxica da Eurorrexión, pioneiro en Europa e que se finanza grazas ao Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEC) da UE. Está impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT).

Este programa pretende fomentar a cooperación e a mobilidade académica no espazo universitario luso-galaico, apostando polo desenvolvemento de proxectos formativos e de investigación científica comúns. Trátase dun proxecto de formación continua que xunta once institucións de ensino superior de Galicia e o a rexión norte do país luso.

Así, entre os participantes das tres convocatorias realizadas o curso pasado había persoal docente, investigador e de Administración e Servizos das tres universidades galegas e das portuguesas de Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa; así como dos Institutos Politécnicos do Porto, Bragança, Viana do Castelo e o do Cávado e do Ave.

Das 367 estadías que se financiaron nesas tres edicións 209 foron para persoal docente, 95 para persoal investigador e as restantes 63 para persoal de administración e servizos (PAS)

Un novo modelo experimental
Na actualidade está a concorrer unha nova variedade do programa ‘IACOBUS’, de carácter experimental, destinada aos profesores de Formación Profesional de centros públicos da Eurorrexión.

A súa primeira convocatoria, que conta cun orzamento de 60.000 euros, está a financiar 37 proxectos: 23 estadías de profesores galegos na Rexión Norte de Portugal e 14 de profesores portugueses en Galicia. Estes proxectos abranguen áreas de formación diversificadas como novas tecnoloxías da información, soldadura ou hostalería e turismo.

O programa ‘IACOBUS Formación Profesional’ quere aproximar a estes centros para unha aprendizaxe conxunta, mediante o intercambio de boas prácticas, a creación de redes de cooperación estables e, no corto prazo, permitir a homologación de títulos de FP a nivel Eurorrexional, facilitando así a creación de emprego e a contratación transfronteiriza.