Un convenio co Concello de Carballeda permitirá achegar os servizos de fisioterapia

  • O Concello ofrece unha sala de fisioterapia completamente equipada e o Sergas a dotará de persoal, posibilitando a accesibilidade a este servizo dos usuarios de Carballeda de Valdeorras
  • A Área de Valdeorras conta cun Servizo de Rehabilitación e Medicina Física no H.C.V e cunha Unidade de Fisioterapia de referencia comarcal no Centro de Saúde de O Barco

11330069_398282940359999_589598634_o

 

Un convenio de colaboración asinado hoxe entre a responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez, e a alcaldesa de Carballeda de de Valdeorras, Mª del Carmen Gónzalez, permitirá achegar os servizos de fisioterapia do Sergas aos usuarios deste concello mediante o uso dunha sala dispoñible no seu centro social.

Por medio deste convenio, o Concello pon a disposición do Sergas a súa Sala de Fisioterapia, integramente equipada, para que aqueles veciños que na actualidade acoden a Unidade de Fisioterapia de referencia para Valdeorras, situada no Centro de Saúde de O Barco, podan acudir a recibir tratamento nun lugar mais próximo ao seu domicilio.

Pola súa parte, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense comprométese a dotala de persoal e xestionar as correspondentes axendas de citación, para organizar a asistencia. Como destacou hoxe Eloína Núñez, esta oferta por parte do Concello permitirá ao Sergas promover a accesibilidade e descentralizar o servizo.

Para a posta en marcha deste novo servizo, o Sergas procederá estes días a determinar a demanda asistencial de fisioterapia dos pacientes deste concello, e por tanto interesados en ser atendidos nesta sala, o que a súa vez permitirá tanto organizar a actividade asistencial como a periodicidade desta, que podería ser de un a tres días por semana, en función do volume de usuarios, estando previsto o inicio tralo verán, ao redor do mes de Outubro.

No acto celebrado hoxe no Hospital Comarcal de Valdeorras, a alcaldesa de Carballeda, Mª del Carmen González, agradeceu o compromiso e sensibilidade da Xerencia para facilitar esta medida, especialmente relevante neste concello, no que destacou a gran porcentaxe de poboación adicada á minería e con alta demanda deste tipo de servizos.

Pola súa banda, a responsable da Xerencia do Sergas en Ourense, Eloína Núñez, subliñou a excelente dotación de equipamento e aparataxe desta sala de fisioterapia, que cumpre tódolos requisitos marcados polo Sergas para este tipo de instalacións, permitindo completar tódolos tratamentos incluidos na súa carteira de servizos, e agradeceu o ofrecemento do Concello, resaltando que permitirá a colaboración de dúas institucións en prol de mellorar a accesibilidade asistencial e o pleno aproveitamento dun recurso público.

Na actualidade, a Área de Valdeorras conta cun Servizo de Rehabilitación e Medicina Física no Hospital e cunha Unidade de Fisioterapia de referencia comarcal no Centro de Saúde de O Barco.