Turismo de Galicia organiza unha viaxe de familiarización na que xornalistas brasileiros poderán coñecer o Camiño do Norte

image_gallery (2)Co obxectivo de fomentar unha maior presenza do Camiño do Norte en Brasil, Turismo de Galicia organizou unha viaxe de familiarización na que cinco xornalistas brasileiros poderán coñecer esta ruta de peregrinación a Santiago, recentemente nomeada Patrimonio cultural da UNESCO xunto ao Camiño Primitivo.

Procedentes de Asturias, e dentro dunha acción da marca turística España Verde, da que xunto a Galicia forman parte as comunidades autónomas de Asturias, Cantabria e o País Vasco, os comunicadores de Brasil visitaron onte, día 9 de setembro, á primeira hora da mañá a Praia das Catedrais e logo partiron cara a Vilanova de Lourenzá.

Os xornalistas, que realizan o seu labor profesional nas publicacións Folha de Sao Paulo e Marie Claire, e o blogs You Must Go e Viagem em Paula, realizaron despois a pé un percorrido polo tramo do Camiño que une Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo.

Nesta última vila, os visitantes coñeceron o seu casco histórico, declarado conxunto histórico-artístico en 1985, así como a Catedral, declarada Patrimonio Cultural da UNESCO en 2015 xunto ao Camiño do Norte.

Hoxe, os xornalistas brasileiros trasladaranse tamén ata Sobrado dos Monxes, onde poderán visitar o mosteiro cisterciense de Santa María de Sobrado dos Monxes, declarado tamén Patrimonio Cultural da UNESCO como edificio senlleiro vencellado directamente ao Camiño do Norte.

Ao final desta xornada, os visitantes chegarán a Santiago e farán un percorrido polo casco antigo da cidade, mentres que mañá visitarán a Catedral e as súas cubertas e pola tarde achegaranse ata os pazos de Oca e Santa Cruz de Ribadulla para coñecer ambos edificios así como as súas contornas e o cultivo de camelias.

Viaxes ao longo do ano 2015
Con esta acción de promoción, xa son 29 as viaxes de familiarización organizadas por Turismo de Galicia ao longo do ano 2015 ao obxecto de difundir os valores turísticos da Comunidade galega en distintos mercados emisores.

Estas viaxes para prescritores foron organizadas directamente por Turismo de Galicia ou en colaboración con outros organismos e entidades entre os que destacan as oficinas españolas de turismo no exterior.

No calendario anual hai xa programadas outras seis viaxes de familiarización nas que participarán máis de 50 prescritores nos meses de setembro e outubro. Nestas viaxes promoverase, entre outros produtos desestacionalizadores, o termalismo galego coincidindo coa celebración de Termatalia do 24 ao 26 de setembro.

También te podría gustar...